«O teatro vale para aprender linguas»

Presentou un libro no Xelmírez I sobre unha exitosa experiencia con alumnado do centro hai tres cursos, para un estudo na USC


Para 28 estudantes do IES Xelmírez I onte foi un día especial: asistiron ao lanzamento, na biblioteca do centro, do libro Aulas sen paredes, de Margarita Fernández Rial, editado por Positivas. Está alicerzado na súa tese de doutoramento, defendida na USC, e eles participaron nesa investigación.

-¿En que consistiu o estudo?

-É unha experiencia didáctica con alumnado de primeiro da ESO do Xelmírez I, que agora están en cuarto da ESO. Tamén se fixo un documental, que se adxunta como cedé. Consiste en propor unha nova metodoloxía didáctica para o ensino e a aprendizaxe de linguas, que aplicamos nas aulas de Galego e de Castelán, e que serve tamén para outras linguas.

-¿Que utilidade ten?

-A idea é que se aplique como un método na aula e ver como o alumnado mellora as habilidades no día o día.

-¿En que se nota a mellora?

-En que estudantes que tiñan moita inhibición van perdendo o medo a falar e melloran a comunicación a través do teatro, que é, pois, unha ferramenta que vale para aprender idiomas e permite traballar os contidos e habilidades curriculares, e tamén outros.

-¿Colaborou o profesorado?

-Si, sobre todo Loli Sans, de Español, e María Xosé Ledo, que ese ano ensinaba Galego. Foi un proxecto moi colectivo, ao colaboraren persoas da USC, e Xiana Lastra, para o documental. Non é un proxecto unipersoal, como por exemplo un libro de poesía. Houbo que pedir asesoramento audiovisual, de técnicas de teatro ou científicos; teño que lle agradecer a moitas persoas.

-¿Como foi a investigación?

-Foi un estudo no departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC, orientado polo profesor Bieito Silva Valdivia. Primeiro fixen a investigación teórica do método, centrado nas posibilidades comunicativas de aprender linguas, que o alumnado se expresase. De aí o interese do teatro para mellorar as ferramentas do profesorado.

-¿Utilizaron obras de teatro?

-Utilizamos textos elaborados polo propio alumnado, que representaron ao final.

-Agora é profesora no IES San Clemente, ¿usa ese método?

-Este curso son profesora de estudantes a distancia e adultos, que non se prestan tanto para traballar este método. Con outro alumnado si o penso usar, porque é moi valioso.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O teatro vale para aprender linguas»