A publicación, que foi presentada onte, está distribuída en dous volumes, escritos con regras ortográficas distintas
02 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.«Probablemente este ano do centenario haberá moitos estudos da revolución bolxevique, pero parecía necesario unha ollada en galego que revisase historicamente estes cen anos», explica Teresa Moure, a coordinadora dun libro distribuído en dous volumes: Bolxeviques (1917-2017), de Xerais; e Bolcheviques (1917-2017), de Através, que están escritos atendendo a regras ortográficas diferentes.
A publicación, presentada onte na librería Pedreira, recolle os traballos de 23 investigadores para analizar o que foi a revolución en diferentes eidos, ademais da súa pegada na actualidade: «Reunimos diferentes voces de historiadores para analizar con rigor este período, mais tamén de militantes de forzas máis estalinistas e de especialistas noutros campos. Non pretendíamos que fora un volume para eruditos, senón para todos. Entonces, tamén a revisamos dende a óptica da prensa ou dende a lingüística, por exemplo», explica a coordinadora.
Moure destaca que o obxectivo é presentar a revolución bolxevique para un público non especializado e completalo con aspectos da sociedade actual e como se recibe agora. «A revolución bolxevique supuxo un novo relato sobre o que era a parte operaria e os seus dereitos. Estamos vendo como moitos dereitos que se recortan xa eran asumidos por posicionamentos ideolóxicos moito máis alá do comunismo», afirma, incidindo en que esta revolución mudou a historia da humanidade.
A singularidade deste libro tamén está na súa concepción, xa que cada volume publícao unha editorial diferente e atendendo a regras ortográficas distintas. «É importante destacar que é un libro único», afirma a coordinadora, que onte presentou o traballo acompañada de dous dos investigadores, Justo Beramendi e Joel Gômez. Tamén asistiron responsables das editoras, Manuel Bragado (Xerais) e Xosé Antonio Serem (Através). «Nun momento en que a cultura galega está ameazada, é importante que non nos visualicemos como divididos por utilizar unha normativa ou outra. É remarcar, polo tanto, que podemos traballar en común», afirma a profesora da Universidade de Santiago.
Os traballos están asinados por Justo Beramendi, Xosé Manuel Carril, Oriana Méndez, Víctor Santidrián, Xoán Carlos Garrido, Julio Prada, Uxío-Breogán Diéguez, Francisco Rodríguez, Anxo Angueira, Antón Dobao, Natalia Poncela, Xosé Manuel Outeiriño, Rebeca Baceiredo, Mauricio Castro, Margarida Corral, Aurora Marco, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández, Mario Regueira, Joel Gômez, José Emílio Vicente, Xosé Mexuto, Carlos F. Velasco e a propia coordinadora, Teresa Moure.
Despois da presentación de onte en Santiago, están previstos novos actos noutras cidades galegas. A próxima semana estarán en Pontevedra e despois visitarán A Coruña, Vigo e Ferrol.