«O obxectivo de Gelria é facer algo diferente e coidado»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

s

Pechan a súa xira de Nadal esta noite en Santiago

27 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

20.30 horas • Salón Teatro • 8 euros • O trío musical Gelria, formado por Elena Tarrats (voz), Mario G. Cortizo (percusión) e Federico Mosquera (piano), pechará a súa xira de Nadal co seu primeiro disco, Cantos de poeta, en Santiago esta noite. O grupo participa na xira con Carlos Núñez, onde tamén ofrecen o seu repertorio.

-Versos de Rosalía, Curros, Manuel Antonio... ¿Como xurdiu o disco para musicar versos de poetas galegos?

-Gústanos traballar con poesía porque temos unhas xoias marabillosas na nosa literatura e nós, que vivimos fóra, pensamos que había que difundilas. O idioma, para quen non é galego, pode ser unha barreira, entón pensamos que a música é o vehículo ideal para transmitilas. No concerto haberá algunha sorpresa máis que as cancións do disco. Por exemplo, imos estrear o ano Carlos Casares cunha canción que se chama Amemos.

-Terán compañía sobre o escenario neste concerto.

-Si. Sempre que podemos imos con contrabaixo, Pablo Pérez, que está facendo a xira, e haberá algunha sorpresa máis. Tamén estará con nós Chus Pato, a poetisa, e faremos unha pequena improvisación, ela recitando e nós tocando, antes de interpretar a canción cos seus versos que forma parte da nosa antoloxía.

-Os seus versos son os máis recentes que recollen no disco.

-Si, empezamos por Rosalía e o Rexurdimento, despois a primeira parte do século XX e case hai un salto ata o 2014 con Chus Pato. Somos músicos que nos gusta experimentar moito, entón, pensamos que así nos permite facer un amplo abanico de músicas, desde as creacións do Rexurdimento, que poden soar a música tradicional, ata os textos de vangarda, como Manuel Antonio, máis ligados ao jazz, ou os de Chus Pato, que é música contemporánea.

-Unha mestura de estilos.

-Sempre nos preguntan por etiquetas e non as hai. A diversidade de rexistros poéticos permítenos facer a variedade de músicas. O noso obxectivo número un é poñerlle a cada poema a sonoridade e a música que máis lle acae. Somos intérpretes de formación clásica, pero temos inquietudes de moitos estilos. Iso queda de manifesto nos concertos, que son unha festa de compartir. Hai moitísima comunicación entre nós e co público.

-Antes dicía que tratan de difundir a poesía galega fóra, ¿e para os que xa a coñecen?

-Falando do concerto, o obxectivo de Gelria é facer algo diferente e coidado, con moitos detalles. No disco hai uns poemas que nos escribiu Manuel Rivas e no espectáculo tradúcese nunha voz en off, tamén hai unha escenografía e gústanos romper o concepto de concerto tradicional, co que ao remate haberá unha degustación de viños e pinchos.