«Temos que compatibilizar o traballo docente coa conservación do edificio»

O novo decano de Historia recoñece que os anos máis duros tocáronlle ao seu predecesor Monterroso; el seguirá o seu camiño


santiago / la voz

Malia que a materia que imparte, Área de Análise Xeográfica Rexional, ten a súa dificultade, Francisco Durán (Ferrol, 1961) é un dos profesores máis apreciados polos alumnos da Facultade de Xeografía e Historia da USC, de aí o consenso á hora de elixilo decano en substitución de Juan Monterroso, que levaba xa oito anos. Con 45 votos a favor e 12 en branco, Durán Villa comeza o seu mandato coa intención de continuar a legada deixada polo sen predecesor.

-Semella que a vostede agárdanlle anos máis fáciles que a Monterroso...

-Os del foron oito anos moi difíciles e cunha xestión moi boa. Iniciou un camiño de cambios con ilusión, porque había que rachar cunha dinámica secular, o problema foi que eses cambios coincidiron coas dificultades económicas, foi implantar o plan Bolonia a custe cero e faltou inversión para a formación do profesorado e para a dotación de infraestruturas. Eu, desde logo, atópome cun escenario distinto e penso continuar o traballo feito cuns resultados moi satisfactorios obtidos polos equipos liderados polo profesor Juan Monterroso e coa convicción clara de darlle continuidade.

-¿Que lle atrae da xestión? Porque xa ocupou vostede outros cargos con anterioridade.

-Si, fíxenme cargo da dirección e da secretaría do departamento de Xeografía e da secretaría da propia facultade, ademais fun vicerreitor de Estudantes. Non me desgusta a xestión porque permíteche relacionarte coa xente doutro xeito. Ás veces tamén é unha herdanza que che queda, no meu caso a do profesor Alsina. O normal é que estes cargos vaian rotando pero si, eu levo ocupándome de distintos aspectos da xestión desde finais dos 90.

-¿Está satisfeito cos cambios feitos para integrarse no plan Bolonia malia esas dificultades económicas?

-Si, gañamos en atención persoal aos alumnos cun traballo máis práctico e interactivo, cunha importancia das prácticas externas e a introdución do alumnado na dimensión laboral e a internacionalización. Erasmus e os convenios bilaterais con América, o dominio de competencias lingüísticas... Había que abrirse a outras culturas que sempre amplía horizontes.

-¿Neses obxectivos prácticos segue a haber espazo para especialidades como a Historia, a Xeografía ou a Arte?

-Hai o perigo de formar só para a utilidade, pero as humanidades teñen un camiño aberto e creo que cada vez se recoñecerá máis. Hai violencia, hai problemas de identidade, de xestión patrimonial e de medio ambiente e as humanidades teñen moito que dicir. O individualismo está entrando en crise, agora hai movementos sociais para atallar retos e desafíos. O individualismo non vale nada porque somos seres sociais e eu penso que ese cambio estamos a notalo nos rapaces, hai esperanza.

-¿Teñen unha alta porcentaxe de empregabilidade?

-Hai saídas; a docencia vai seguir sendo fundamental pero tamén en museos, a xeografía aplicada as novas tecnoloxías, a planificación do territorio... Hoxe o mercado de traballo está limitado como para calquera outra especialidade, pero hai demanda.

-¿E os resultados académicos?

-Moi bos. Aínda que a min non me gustan os rankings están aí, e os nosos resultados son moi satisfactorios no conxunto do Estado. Iso é así polo profesorado e pola equipa anterior, e esta facultade segue a ter o gran prestixio que tivo sempre, hai unha elevada porcentaxe de alumnos vocacionais con expedientes brillantes. Chegamos a ter os mellores expedientes de Galicia.

-¿Son agora menos traballadores que antes ou non é certa esa fama que teñen as novas xeracións?

-Non. O plan Bolonia obrígaos a traballar máis e a planificar o traballo, xa non valen as enchentes antes do exame, teñen que responder día a día, aproveitar a oferta cultural, a lectura que favorece ese espírito crítico. Como mínimo teñen que traballar oito horas ao día para levar ben as cousas.

-¿Cales son os seus obxectivos para estes catro anos?

-É necesario dar visibilidade ao traballo que se fai nesta facultade. Socialmente non ten o mesmo valor que outro tipo de titulacións, e hai traballos propios de investigación sobre a paisaxe, a arte e outras moitas disciplinas nas que se traballa con outras universidades. Historia Contemporánea e Moderna, que están a xerar cantidades de producións científicas e que son quen de atraer recursos importantes. Temos que dar publicidade ó que se fai e orientarnos cara o exterior, participar en programas internacionais, o que redundará en beneficio de facultade e da USC. Tamén é necesario dispor dun centro de investigación; está o Idega e o ILG que o seu labor é senlleiro pero son necesarios máis para o campus da cidadanía que, liderado polo profesor Caride, aglutina grupos que participan na aplicación práctica de todos estes coñecementos.

-E logo están as obras que se fagan unha vez redactado o plan director.

-É un edificio de douscentos anos que non foi pensado para esta realidade, eran os tempos da razón e das luces e haino que adaptar ao século XXI. Pero tendo en conta o conxunto histórico; a facultade, o Instituto da Lingua Galega, o Colexio de Gramáticos e a igrexa, todo nunha ubicación magnífica. O depósito da biblioteca ten demasiado peso e pode caer, hai que racionalizar os despachos e os seminarios, crear aulas pequenas, laboratorios para Arqueoloxía e Xeografía, aulas de informática... O espazo é o que temos e hai elementos difíciles de mover. Pero, ¿que buscamos? Compatibilizar o traballo docente coa monumentalidade, coa conservación do edificio. Primeiro hai que rematar o plan director e despois, buscar axudas para as obras.

-¿Falta relevo xeracional?

-Ese é outro gran problema. Hai que estabilizar a xente moi formada con dificultades para asentarse, e iso non se fai de hoxe para mañá. A idade media do profesorado é de 50 anos e hai figuras senlleiras que se están xubilando e pérdese unha referencia moi importante. E logo están os que tiveron que marchar por falta de oportunidades e que é necesario que volvan á súa casa. A sociedade e as familias investiron na súa educación e iso están a rentabilizalo outros países.

«Co plan Bolonia os alumnos teñen que traballar oito horas ao día para levar ben as cousas»

«As obras haberá que facelas tendo en conta o conxunto histórico no que está a facultade»

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Temos que compatibilizar o traballo docente coa conservación do edificio»