O festival Carlos Velo mostra a realidade rural de todo o mundo

Preto de duascentas obras presentáronse a unha cita que este ano conta coa colaboración da USC


Moitas películas tiveron que ver nos últimos días os alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago para seleccionar as setenta obras que pasaron a criba para a selección final das dez que competirán polo premio da terceira edición do festival internacional de cine rural Carlos Velo, xa que foron preto de duascentas chegadas desde lugares tan dispares como Uganda, Xeorxia ou Suíza as que se presentaron a un certame que ten entre os seus obxectivos dar visibilidade ao mundo rural. E como tanto documentais como as obras de ficción que se presentaron chegaron desde todos os recunchos do planeta, está claro que o festival é o máis grande escaparate dese xeito de vida tradicional que non figura decote no audiovisual nin na sociedade.

Esta nova edición da mostra que leva o nome do cineasta de orixe galega que foi quen de crear en México e Cuba as máis importantes escolas de cine do mundo, conta co patrocinio da Universidade de Santiago, de aí a colaboración dos seus alumnos. O programa foi presentado onte por Anser Álvarez e polo decano da facultade, Xosé R. Pousa, que estiveron acompañados do vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira. Tamén compareceron o director Plácido Romero e o protagonista do seu documental «Cesteando», que se proxectou na facultade como punto de partida dunha cita a cargo de Lareira Pop e Arraianos Producciones.

O traballo de Romero, tal e como el indicou, non é só unha homenaxe ao eido artesán no que o seu protagonista desenvolveu a súa vida, a Serra do Laboreiro, senón tamén ao modo de vida de Toño do Val, «que elixiu ser libre, con todas as dificultades que iso conleva», dixo o director.

Un valioso arquivo

O festival dedicará ademais unha retrospectiva a un dos arquivos máis valiosos e menos coñecidos sobre o eido rural: o da mediateca do Ministerio de Agricultura, que recolle valiosos documentos que van do ano 1900 ao 1970.

Dos setenta traballos que foron seleccionados polos estudantes e por unha comisión creada a tal fin quedarán dez que entrarán na fase finalista e sobre os que deliberará o xurado, que dará a coñecer o seu veredicto o 16 de decembro.

Nos días previos serán as visualizacións das obras seleccionadas, que terán lugar entre o 14 e o 16 de decembro, antes da entrega de premios.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O festival Carlos Velo mostra a realidade rural de todo o mundo