«Ter unha editorial hoxe é máis un acto de patriotismo ca un negocio»

Elixido membro correspondente da Real Academia Galega, aspira a ser numerario


ribeira / la voz

O pleno da Real Academia Galega (RAG) elixía a comezos de mes a Clodio González Pérez (Cenlle, 1947) membro correspondente, destacando o seu labor como docente, compaxinado «cunha fecunda actividade investigadora e divulgadora no campo da historia e da etnografía», na que traballou «sobre a vida material, espiritual e cultural do pobo galego». O certo é que a lista de traballos publicados, tanto en solitario como de xeito colectivo, por este mestre xubilado que reside en Compostela é inmensa, pero a súa implicación coa cultura queda tamén demostrada no intenso labor que vén realizando desde hai tempo en organismos coma o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega ou a editorial Toxosoutos.

-¿Como se recibe un nomeamento desta índole?

-Moi ben, porque é un recoñecemento a unha traxectoria que se foi forxando ao longo de moitos anos de traballo.

-O seguinte paso debería ser o seu nomeamento como académico numerario da RAG, ¿espérao?

-Suponse que si que debería ser, pero aí xa inflúen moitos factores, pois o grupo de académicos é moi reducido. A min claro que me gustaría acadar ese obxectivo, porque sería un recoñecemento aínda maior.

-Escritor, investigador, historiador... ¿como se definiría vostede?

-Eu son historiador e etnógrafo, nunca me considerei escritor, aínda que é certo que teño algunha obriña publicada.

-E, ¿de onde lle ven esta gran paixón que sente pola etnografía e a historia de Galicia?

-Pois, de familia non, posto que os meus avós eran labregos e o meu pai, ferreiro. Posiblemente me axudou o feito de vivir en Vigo, ao lado da libraría de Xosé María Álvarez Blázquez, con quen cheguei a ter moita relación. Alí entrei no mundo da cultura e da literatura.

-Desa longa lista de publicacións que forxan a súa traxectoria, ¿con cal se quedaría?

-Co conxunto de publicacións que realicei xunto con Xosé Manuel González Reboredo sobre a alta montaña lucense, a zona dos Ancares. Considero que é unha achega moi importante. Aínda hai pouco publiquei, xa en solitario, un estudo sobre o Piornedo.

-¿En que está mergullado agora?

-Estou traballando, entre outras cousas miúdas, nun estudo sobre Cenlle, onde nacín, unha zona de grande interese antropolóxico.

-¿Ten algunha espiña cravada?

-Tiña realizar este traballo de Cenlle, que está en proceso, e tamén publicar un cancioneiro moi amplo que recollín na zona de Rois, pero tamén está a medias.

-Coordina a editorial Toxosoutos, ¿en que punto se atopa a edición e venta de libros en galego?

-Mal, moi mal, pero non só en galego, a tendencia é xeneralizada. Publícanse libros, pero son edicións moi, moi limitadas. Ter unha editorial hoxe en día é máis un acto de patriotismo ca un negocio, desde logo.

-¿É a peor época para o sector?

-Quizais xa foi peor do que é, sobre todo os catro ou cinco anos pasados. Agora hai unha lixeira recuperación, aínda que escasa. Con todo iso, en Toxosoutos estamos editando entre 15 e 20 libros por ano. E algúns son volumes de envergadura, coma o que está a piques de saír de Pedro García Vidal sobre as paisaxes urbanas de Noia e Muros.

-En máis dunha ocasión tense acusado á Real Academia Galega de non facer o suficiente para darlle a volta ás negras estatísticas sobre emprego do galego.

-É complicado satisfacer a todos. É certo que o emprego do galego vai a menos, sobre todo entre a mocidade, pero penso que tamén é un problema de carácter político. A RAG pode concienciar e pedir, pero ten que ser o goberno o que adopte medidas.

O protagonista. Clodio González Pérez desenvolve unha intensa actividade cultural dende Compostela

Un desexo. De ser académico numerario «gustaríame traballar na recuperación do vocabulario rural»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Ter unha editorial hoxe é máis un acto de patriotismo ca un negocio»