«Saber improvisar e falar ben o inglés profesional son os retos principais»

Coinciden en que os países que invisten máis en formación teñen mellor resultado


Santiago / la voz

Gabriel Vilar Longarela e o seu profesor Diego Mosquera están xa na conta atrás: a finais de novembro parten para Göteborg (Suecia) onde participarán na final europea de Hostalaría de Formación Profesional. Os dous apuran a preparación no CIFP Compostela. Gabriel representará de novo a España nesa competición internacional. Xa o fixo o verán pasado en São Paulo (Brasil), onde quedou sétimo no mundial. Agora ten como obxectivo superar unha medalla de prata europea, o mellor posto conseguido polo de agora por un galego.

«Estou satisfeito da participación no mundial, o resultado foi bo para a preparación que tiven, e sería mellor se non cometese erros de novato e reaccionase con máis axilidade perante algunhas mudanzas que houbo na programación. Por iso, o máis importante da preparación que estamos facendo agora é para que non se repitan esas situacións. Saber improvisar e falar ben o inglés profesional son os retos principais», afirma Gabriel.

As probas que afrontará en Suecia serán semellantes ás de Brasil. «Un pouco máis reducidas, porque no mundial foron catro días e agora tres. Haberá probas de cafetaría, coctelaría, montaxe e servizo de mesa, dobraxe de panos de man; catas de viños, licores e bebidas espirituosas; queixos e sobremesas... Cada día hai un servizo diferente: bistró, que son dúas mesas de dous clientes cada unha: de gala, para unha mesa de catro persoas; e de banquete, para unha mesa de 6 persoas. Tamén temos que facer dos cócteles de creación, un con alcohol e outro sen alcohol, con ingredientes que figuran nunha caixa que entregan no momento», acrecenta Gabril.

Os tres días de competición serán en horario de mañá, das 7.15 ás 12.25 horas; e tarde, de 16.00 ás 18.40. «Hai diferentes aspectos que se deciden por sorteo, e un 30 % das probas van mudar aló, de aí o interese en dispor dunha boa capacidade de reacción para afrontar cousas novas», insiste.

A maior tranquilidade, indica, é que hai menos produtos descoñecidos que no mundial. «Hai algún destilado non habitual aquí; porén, a maioría son internacionais e é máis frecuente traballar con eles», manifesta.

Gabriel coincide co seu profesor, Diego Mosquera, en que os países que invisten máis en formación teñen mellor resultado: «Francia, Italia, Alemaña, Austria ou Suíza son países moi fortes en servizos pola tradición e puxanza da súa hostalaría. No entanto, isto é parecido aos xogos olímpicos: cantos máis medios se teñan e se apoie a preparación, máis medallas se conseguen. E neste caso hai algún país onde teñen profesorado que se dedica exclusivamente a preparar finalistas durante varios meses; ou mesmo un ou dous cursos», di Diego.

Desde que regresou do mundial de Brasil, Gabriel Vilar traballou no Hostal dos Reis Católicos, e participou en diversos concursos: «Para mellorar, con vistas a esta final de Suecia; e tamén estiven estudando». Gañou neste tempo o seu primeiro gran premio internacional, no Festival de Cócteles do Oeste de Caldas da Rainha (Portugal), en abril.

Diego Mosquera ten confianza en que Gabriel fará un bo traballo na final europea de FP: «Hai que destacar que, das cinco participacións de España nesa competición, tres representantes foron de centros galegos, dous do CIFP Compostela e un do de Vilamarín, iso evidencia a boa formación na nosa comunidade. E a experiencia internacional previa de Gabriel en Brasil e Portugal vai favorecer que teña unha mellor intervención», entende.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

«Saber improvisar e falar ben o inglés profesional son os retos principais»