Cesárea pioneira en 1897

A operación dirixiuna Timoteo Sánchez


Viaxamos hoxe aos inicios da medicina moderna. Estamos na Compostela de 1897. Dirixe a operación o prestixioso cirurxián Timoteo Sánchez Freire, o máis notable renovador da cirurxía compostelá (como afirma Avelino Franco Grande no seu voluminoso traballo La medicina compostelana, 1847-1950). Don Timoteo foi tamén o primeiro director do Manicomio de Conxo (entre 1885 e 1912, e uns anos antes -1879- fora un dos médicos que identificaran os restos do Apóstolo). É posible que sexa Conxo o lugar onde se está a desenvolver este parto por cesárea, ou quizais o Hospital Real. Unha cesárea pioneira, en todo caso, tal e como afirma o biógrafo de don Timoteo, Fernando Ponte, quizais a primeira que se levaba a cabo en Compostela, e nunha época na que se facían moi poucas en toda España.

Sánchez Freire está rodeado de xoves discípulos. Trátase dunha -chamémoslle- clase maxistral. Debo agradecer a cesión desta imaxe á familia Araújo López, a José e Gaspar, netos de José Araújo Luces, que é o mozo de barba negra situado diante da relixiosa. Araújo Luces chegaría a ser médico forense na Estrada.

Á esquerda da imaxe aparece Javier Casares Bescansa, e o segundo pola dereita é Juan Barcia Eleicegui. Velaquí dous rapaces representantes de coñecidísimas familias médicas compostelás. Unha bisneta de Casares, a historiadora María Fidalgo, identifícanos a Javier, un mozo aquí case adolescente. Lembremos que el é neto dos químicos Ricardo Bescansa e Antonio Casares Rodríguez. Este último contraera matrimonio coa irmá de Maximino Teijeiro, o médico de cabeceira de Rosalía de Castro. E unha curiosidade máis: Javier Casares sería un dos primeiros esperantistas españois (aquela idea dun médico polaco do XIX de crear o Esperanto, unha lingua auxiliar común internacional).

Pola outra banda, diciamos que o segundo pola dereita é Juan Barcia Eleicegui, fillo de Juan Barcia Caballero. Barcia Caballero fora alumno de Sánchez Freire e despois sería director tamén do Manicomio de Conxo, e escritor. O caso da dinastía Barcia é único. Ata sete xeracións de médicos na mesma familia e todos chamados Juan. O último deles, Juan Antonio Barcia Albacar (neurólogo nacido en 1962). Están no libro Guinness por isto. Barcia Eleicegui xa era a cuarta xeración. No reverso da fotografía aparecen a data -14 de outubro de 1897-, a dedicatoria de Sánchez Freire ao seu alumno Araújo, e os nomes dos protagonistas. Quedábanos por citar a tres: Manuel Rovira Carreró (segundo pola esquerda, con barba, sería un coñecido doutor en Cambados), Francisco Torres Insargarat (no extremo dereito, tamén futuro doutor) e a monxa, Sor Mª Catalina Burriols, que custodia ao exclusivo sexteto de científicos varóns.

Finalmente, citemos ao autor da imaxe: é, posiblemente, segundo o investigador Carlos Castelao, José Eleicegui López (profesor de Dereito de Alejandro Pérez Lugín). Porque da futura mamá oculta na foto e na operación, nada sabemos.

editor@alvarellos.info

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Cesárea pioneira en 1897