«É raro atopar proxectos sorpresivos, os artistas agora son máis conservadores»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

césar toimil

O actor, músico e actor ve difícil que nazan propostas como a Sala Nasa pola mentalidade máis individualista

13 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Músico, escritor, tradutor e actor, Pepe Sendón (Carnota, 1964), ten o seu nome asociado ao nacemento de Chévere ou da Sala Nasa e formou parte de bandas como Os Quinindiolas e Nicho Varullo, entre outras múltiples propostas vinculadas a arte e a creación. Agora, despois de publicar o ensaio Falando claro, acaba de embarcarse nun novo proxecto, Liñas paralelas, unhas sesións de relato breve e música en vivo que os venres deste outono chegan aos centros socioculturais de Santa Marta e Conxo.

Sendón, que desenvolveu toda a súa traxectoria creativa dende Santiago, explica que o ambiente cultural agora na cidade é moi diferente a aquel dos anos 90 no que xurdiron iniciativas como a Sala Nasa. «Cando nós empezamos, a cultura xuvenil, a música en directo ou o teatro non tiñan moito oco. Entón, a razón do nacemento da Nasa era buscar un espazo; alí creamos un punto de encontro e un centro onde xurdiron moitos proxectos interesantes. Daquela non había concertos na zona vella nin na nova, a programación teatral era escasa e o Teatro Principal funcionaba para compañías de fóra. Entón a nosa sala e a Galán respondían a unha necesidade. Hoxe, miras a axenda e non dás feito, hai 50.000 propostas ao día», sinala.

Esta maior oferta non é a única diferenza na evolución da cultura nestas case tres décadas. «Agora todo é moito máis profesional. É raro atopar proxectos sorpresivos, os artistas fixéronse máis conservadores que nos 90, porque para poder entrar no mercado teñen que facer propostas homologables que entren nalgún nicho existente», engade. Se en algo ve similitudes, é que «o problema daquela e máis agora é buscar unha saída».

¿Sería posible ver nacer hoxe un proxecto como a Sala Nasa? «Ás veces, rapaces novos dinme que hai que poñela de novo a andar, pero eu respóndelles: ‘Agora tócavos a vós’. Para iso fai falla folgos, enerxía e traballar moito sen saber o que vai saír de aí. Pero agora está todo máis fraccionado, hai máis nichos culturais; sacando pequenas excepcións, é un mundo máis individualista e aquilo era xente distinta que buscou unha confluencia intentando dar unha resposta facendo cada un o que podía. Agora, é un óptica máis profesional, cando nós tiñamos unha mentalidade máis voluntarista», destaca.

Sendón explica que o seu segredo para manterse no mundo da creación «é facer algo no que se cre», aínda que lembra que a situación económica para os artistas non axuda. Afirma que con cada proxecto que leva a cabo empeza de cero. Iso pasa con Liñas paralelas, que arrincou o pasado venres en Santiago, coa que pretende «recuperar as antigas veladas literarias, onde as lecturas públicas eran máis comúns». Así a proposta son unhas lecturas de relatos breves nas que un músico o acompaña en directo.

Neste arranque están previstas oito sesións, pero o obxectivo de Pepe Sendón é que esta iniciativa vaia medrando e, deste xeito, abrila aínda máis, de maneira que participe tamén outra xente, tanto remitindo relatos como, incluso, facendo as lecturas. Este ávido lector de relato breve mestura traballos de varios autores, moitos deles que foi traducindo -conta con máis de 200 textos-, que logo estrutura en torno a diferentes temáticas, desde crimes a terapias de parellas pasando por crónicas de Siria. A curto prazo, tamén iniciará en Rianxo un ciclo sobre Rafael Dieste e, en decembro, levará os seus contos ata A Pobra.

Pepe Sendón. O polifacético creador acaba de por en marcha o proxecto «Liñas paralelas», que mestura relato breve e música.

Mañá, ás 20.30 horas, en Santa Marta. Na segunda sesión do ciclo, que xirará en torno a crimes imperfectos, estará acompañado polo músico Marcos Teira.