O outro cinema

Brais Capelán SESIÓN VERMÚ

SANTIAGO CIUDAD

21 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Houbo un tempo no que cada cidade contaba con salas de cine independente ou alternativo. Hoxe temos que agradecer poder atopar as veces na carteleira algunha película que transcenda o cinema comercial. Nestes días que a industria nacional vive con intensidade o Festival de San Sebastián, en Santiago podemos sacar peito co premio da Cultura Galega para o Numax e a presentación do certame Curtocircuíto.

Non é sinxelo hoxe en día atopar unha cidade con alternativas cinematográficas como estas. Eu, que crecín vendo como pechaban as pequenas salas coruñesas e madurei entre sesións dos cines Renoir de Madrid, teño a sorte de poder seguir a vivir experiencias fílmicas que non precisan de grandes efectos especiais e insultantes orzamentos. Hai que dar as grazas a todas esas persoas que, co seu esforzo, permitiron que a sala Numax saíse adiante e puidera recibir a creadores como Aki Kaurismäki; ademais de ser a primeira sala galega integrada na rede de exhibición Europa Cinemas.

E que dicir do certame Curtocircuíto. Só hai que dar cifras para darse conta da relevancia mundial que alcanzou este festival. 1.171 películas de 77 países presentáronse ao concurso, das que se poderán ver en outubro 65 curtametraxes, entre as que estará unha que competirá por facerse cun premio Goya.

Parece que en próximas datas haberá que escoller entre dous cines alternativos en Santiago, se continúa adiante o proxecto de Área Central de abrir unhas novas salas. O que queda claro é que Santiago é rica na actualidade en alternativas culturais como o cinema independente. Esperemos que sexa por moito tempo.