«Garantimos a seguridade dos edificios, pero non haberá novas infraestruturas fóra de Medicina»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

18 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaño recorda que nos últimos anos creáronse quince universidades privadas en España, pero iso no quere dicir que foran a ser privatizadas as públicas. O que non é incompatible, ao seu parecer, co financiamento privado.

-Tendo en conta erros e malgastes do pasado, ¿que medidas se poden tomar para mellorar o financiamento do ensino universitario?

-A sociedade pode colaborar, o que pasa que aquí non hai cultura de mecenado como noutros países, pero deberíamos procurar que fose así. Todos colaboramos cos nosos impostos pero a investigación debería de ter achegas de todos os estamentos, tamén dos empresarios.

-¿Non hai doazóns?

-Hainas de material científico e bibliográfico pero económicas non. O que si hai é financiamento bancario, temos o compromiso do Banco Sabadell e de Abanca, sobre todo.

-¿E a Xunta?

-En xeral houbo entendemento coa Consellería de Educación. Un sempre preferiría máis, pero a negociación do plan de financiamento foi boa e a relación é fluída.

-¿Haberá novas infraestruturas grazas a esa mellora económica?

-Vaise facer unha forte inversión en Farmacia, que é a facultade que máis o precisa, e logo vanse facer obras de mantemento. De momento, non hai cartos para máis, garantimos a seguridade dos edificios, pero fóra de Medicina non haberá novas infraestruturas.

-¿Ese alivio económico terá reflexo na oferta educativa?

-Claro, vanse crear os graos de Criminoloxía e Biotecnoloxía e está en trámites a Escola de Doutoramento; hai másteres novos e seguiremos apostando polos graos dobres, que son os que obteñen mellores resultados.

-Medicina, Matemáticas o Física están a despuntar nos baremos internacionais. Estará especialmente orgulloso de Matemáticas...

-Por suposto, ademais os graos dobres de Matemáticas e Física son os que teñen as notas máis altas. Están moi ben posicionadas, temos dous Starting Grant en Física e a posibilidade de acadar máis, e Matemáticas é a mellor posicionada de España. Pero non se pode esquecer que tamén un recente estudo dicía que os graduados da USC en Humanidades son os máis valorados á hora de ser contratados.

-¿Está a USC a recuperar o prestixio que tiña?

-Figurar ou non nun ránking non é definitivo, pero recuperar esas tendencias indica que se están a facer as cousas mellor e se está a recuperar a posición que a USC sempre tivo e que se merece.