Carlos Diéguez: «Aspiramos a ter un financiamento de fontes diferentes, tamén de empresas»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

30 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O director do Cimus, Carlos Diéguez, valora como o máis destacable do ano 2015 «manter a excelencia en investigación e publicacións e conseguir o financiamento sólido de todos os grupos».

-¿Como é ese financiamento?

-Para que todos manteñan un bo nivel, o importante son os proxectos estatais. Os fondos europeos facilitan a algúns grupos dar un salto cualitativo moi potente para competir ao mellor nivel internacional.

-¿Foi moi difícil o ano 2015?

-As convocatorias varían moito dun ano para outro. Os proxectos que financia a Comisión Europea son para unha media de 3 a 5 anos. Son complicados de conseguir, porque son moi competitivos, e facilitan colaborar con outros grupos internacionais, o que nós vemos moi positivo.

-¿Hai algún obxectivo de financiamento para os próximos anos?

-Aspiramos a ter un financiamento de fontes diferentes, tamén de empresas pola transferencia de coñecemento. Un dos obxectivos que nos propuxemos é que un terzo da actividade do centro o financien compañías, e penso que o conseguiremos a curto prazo.

-Tamén veñen máis investigadores do exterior para o Cimus.

-Si, iso evidencia a internacionalización do noso centro. A maioría chegan con financiamentos diversos doutros países, e supoñen así tamén unha fonte adicional de recursos para nós.