O noso Parlamento románico

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

fotopepe álvez

10 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a Fotohistoria da pasada semana, de 1858, ata hoxe, damos un pulo na nosa máquina gráfica do tempo de 123 anos e aterramos en decembro de 1981, concretamente no mediodía do sábado 19. Situámonos dentro do Salón de Cerimonias do Pazo de Xelmírez, en Santiago de Compostela. Un recinto do século XII que mide 32,5 metros de fondo por 8,3 metros de ancho. O tamaño non é agora o relevante senón dous feitos.

O primeiro, por orde cronolóxica: este Salón de Festas ou Comedor (como tamén se lle coñece) é unha das construcións máis importantes do estilo románico civil de toda Europa. O propio Pazo de Xelmírez que o acolle está considerado como o edificio civil mellor conservado da España medieval, mandado construír en 1120 polo primeiro arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez.

Segundo feito, e imos ao grao: este espazo foi elixido para acoller a solemne sesión de constitución do primeiro Parlamento de Galicia. A foto que recolle o momento é moi descoñecida. De feito, localizouna o seu autor, o veterano fotoxornalista lugués Pepe Álvez, hai poucas semanas, no proceso de dixitalización de todo o seu material. «Catro ou cinco carretes gardados ao fondo dun armario que cría perdidos», afirma o autor da imaxe. «Foron dunha época dourada. As imaxes máis destacadas difúndoas mesmo a través do meu Facebook».

Unha serie única

Aquí adiantamos unha delas, pois Álvez ten toda unha serie única daquela data histórica, da que hai moi poucas instantáneas. Esta que escollemos é quizais a máis solemne. Os grandiosos arcos románicos deste salón amparan o momento. Dende os laterais, onde repousan os nervios dos arcos, trece ménsulas, que representan diferentes escenas dun banquete, ollan expectantes...

A data non foi elixida ao chou: ese mesmo 19 de decembro, pero de 1932, o 77% dos Concellos de Galicia aprobaran en asemblea o proxecto de Estatuto de Autonomía que logo sería votado en 1936. Representaban a dous millóns de habitantes, dos dous millóns e medio do censo total de Galicia. O Parlamento nacía, pois, coa memoria da República.

A historia xa ten sido contada por bos xornalistas e historiadores. Nesta foto aparecen algúns dos protagonistas daqueles días. De fronte, por exemplo, Domingo García-Sabell, delegado do Goberno en Galicia. Á dereita está Heribert Barrera, primeiro presidente do Parlamento de Catalunya. En primeiro plano, á esquerda, con lentes, o deputado socialista Antonio Carro Fernández, e á dereita, o galeguista histórico Ramón Piñeiro. Tras el, ao fondo Cacharro Pardo, Manuel Fraga, Victoria Armesto (pola dereita), Marfany (á esquerda da imaxe), Suárez Núñez (polo centro), etc.

O Parlamento de Galicia trasladaríase o 30 de xuño de 1982 ao Pazo de Fonseca, antes de ocupar, en 1989, o magno edificio que hoxe o acolle no Hórreo, e que antes fora Escola de Veterinaria e despois cuartel.

Non tivo un mal inicio, non, o noso Parlamento románico. Este día de decembro de hai case 35 anos.

editor@alvarellos.info