Editor e alcalde de Santiago, foi «paseado» hai 80 anos
29 jun 2016 . Actualizado a las 00:36 h.
«Os pobos somentes son grandes po-la cultura. Mercade Libros Galegos». Velaquí a publicidade da Editorial Nós en 1933. Do seu propietario, Ánxel Casal Gosenge, chegou a dicir Castelao: «Fixo máis por Galicia que todos nós». Estes días de verán do 2016 cúmprense oitenta anos de moitas cousas, case todas malas. Imos lembrar algunhas, tamén boas. Como esta imaxe. O seu autor é probablemente Luís Ksado e foi publicada no suplemento gráfico do número 667 da revista Vida Gallega en xuño de 1936. (Un inciso para lembrar que Ksado e Vida Gallega son dúas fontes inesgotables para a nosa memoria gráfica). A noticia, titulada «El prólogo del Estatuto» di: «D. Ángel Casal, Alcalde de Santiago, que presidió la Asamblea del Estatuto y viene consagrando grandísima atención al trascendental asunto». E vai acompañada doutras tres imaxes, unha delas, a da constitución da Asociación de Escritores de Galicia. Eran tempos intensos (e tan breves) de construción cultural e política.
Ánxel Casal foi alcalde de Compostela, polo Partido Galeguista, durante só uns cinco meses, entre o 23 de febreiro e o 9 de xullo de 1936. O 28 de xuño aprobárase o Estatuto de Galicia. O golpe de Estado do 18 de xullo pillárao en Madrid, precisamente coas xestións de entrega nas Cortes do texto do Estatuto de Autonomía. Regresou de contado a Santiago para facerse cargo de novo do Concello. O 4 de agosto era detido na casa dun parente en Arzúa e, un par de semanas despois, o seu corpo aparecía tirado nun foxo en Cacheiras o 19 de agosto daquel incivil verán de 1936.
Esta foi a historia, tan tráxica, dos seus días derradeiros. Antes dela deixou moito sementado. Aquel 23 de febreiro de 1936, por exemplo, cando tomou posesión como alcalde, fixo o seu discurso en galego, algo inédito. E falando de inéditos, el foi o primeiro editor moderno de Galicia, ademais de impresor e libreiro.