Un Obradoiro a tope en 1920

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

A primeira celebración oficial do Día de Galicia foi aquel 25 de xullo de 1920

19 jun 2016 . Actualizado a las 13:31 h.

Ver o Obradoiro ateigado de peregrinos e visitantes non é cousa só de hoxe. Velaquí a proba. Ano Santo de 1920. Non colle un alma na daquela denominada Praza do Hospital. A imaxe é do mestre Ksado, que naqueles meses de hai 96 anos retratou numerosas peregrinacións coma esta subido á escalinata da catedral. Detrás da multitude que agarda para entrar na catedral álzase unha famosa escultura: é a de Eugenio Montero Ríos, chantada no medio do Obradoiro, onde aguantou desde 1916 ata 1928, cando se decidiu o seu traslado a Mazarelos, lugar que ocupa dende aquela.

Pero de Montero Ríos non imos falar hoxe, senón daquel Ano Santo de 1920, que foi especial, polo menos, por dous motivos. Resulta que a primeira celebración oficial do Día de Galicia foi precisamente aquel 25 de xullo de 1920. Así o decidiran as Irmandades da Fala. Non sen polémica, por certo, pois, como sabemos, aquí uníase a unha potente festividade relixiosa que podía solapalo: o Día de Santiago. Ao final, houbo acordo, e hoxe é o Día grande do país. Por outro lado, o famoso Himno do Apóstolo presentouse tamén neste ano. Composto por Juan Barcia Caballero e música de Manuel Soler. Ese que principia «... santo adalid, patrón de las españas...» e que hoxe é indispensable peche solemne arredor do botafumeiro.

En canto ás peregrinacións, aquel terceiro Ano Santo do século (o primeiro fora o 1909, o da gran Expo Rexional, e o segundo, o 1915 -do que conservamos as imaxes de cine máis antigas de Galicia- ), este de 1920 tivo como anécdota que foi o primeiro onde houbo trens especiais para peregrinos, con parada na desaparecida estación de Cornes (Conxo), e bonobuses, con descontos para os camiñantes xacobeos. Teno estudado ben o investigador Manuel Rodríguez no seu volume Los Años Santos compostelanos del siglo XX (Xunta de Galicia, 2004).

Esta imaxe de Luís Ksado, un artista moi vinculado ás Irmandades da Fala, dá testemuño dun ambiente que en Santiago era de festa, luz e, mesmo, ¡ai!, esperanza... Porque aínda estamos en 1920 e ninguén sospeitaba o mar avolto que a historia tiña preparado.

editor@alvarellos.info