As follas inéditas de Valle-Inclán

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

C

A curiosa e ben inédita Fotohistoria de hoxe parte da publicación, este ano, do libro A morte de Valle-Inclán (Xerais)

05 jun 2016 . Actualizado a las 17:36 h.

Ramón del Valle-Inclán, un dos mellores escritores españois de todos os tempos, regresara a Santiago en marzo de 1935 para que o tratara do seu cancro o seu amigo -e prestixioso doutor- Manuel Villar Iglesias. Pero a enfermidade puido con el. Morría o 5 de xaneiro de 1936 e era enterrado, baixo unha enorme treboada, o Día de Reis. Moito se ten contado destes meses en Compostela e, sobre todo, das peripecias varias do seu axitado enterro. Pero sempre quedan cousas...

A curiosa e ben inédita Fotohistoria de hoxe parte da publicación, este ano, do libro A morte de Valle-Inclán (Xerais), do que é coautor Javier del Valle-Inclán Alsina, un dos netos do escritor. Cando lin esta obra, en febreiro, atopei o seguinte parágrafo, páxina 65: «Tres mozas compostelás -escribe Javier-, Pilar Isorna Casal, Concepción Álvarez González e Carmiña Tojo viron pasar a comitiva e a primeira delas lembrou que o ataúde levaba enriba un ramo de rosas vermellas e unhas coroas de loureiro das que, ao día seguinte, en Boisaca, arrincaron unhas cantas follas que hoxe garda Malisa Isorna».

De contado comuniquei co neto de Valle para preguntarlle se era posible obter unha imaxe desas follas, pois nunca viran a luz, que saibamos. Aos poucos días recibín no meu correo a fotografía que ilustra esta crónica: catro das follas de loureiro da coroa fúnebre que acompañou a Ramón del Valle-Inclán dende o sanatorio de Villar Iglesias en Compostela ata o cemiterio de Boisaca. María Elisa Castiñeiras Isorna, filla de Pilar, tivo a amabilidade de pasarnos a imaxe. E detrás destas históricas follas de 1936 aparecen as tres mozas que subiron por elas aquel día a Boisaca.

Este ano conmemoramos o 80 aniversario da morte do gran Valle-Inclán. E dous ilustrados netos do escritor son autores de senllas publicacións. A xa citada de Javier e a biografía Ramón del Valle-Inclán. Genial, antiguo y moderno (Espasa) do seu irmán Xaquín. Nós rendemos aquí tamén a nosa particular homenaxe publicando estas follas inéditas de loureiro, e lembrando a quen describiu Compostela deste xeito maxistral: «Tiene la soledad, la tristeza y la fuerza de una montaña».