«Hai unha cultura do Camiño con ausencia de Santiago e da súa xente»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

<span lang= gl >Luísa defendeu onte a tese de doutoramento, na Facultade de Filoloxía da USC. </span>
Luísa defendeu onte a tese de doutoramento, na Facultade de Filoloxía da USC. SANDRA ALONSO< / span>

Estudou os discursos sobre a cidade e a ruta en novelas editadas no último ano santo

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cos libros, audiovisuais e páxinas web difundidas sobre o Camiño de Santiago elabora unha ampla base de datos o grupo de investigación Galabra, da Facultade de Filoloxía, nun proxecto de investigación no que traballa hai varios anos. Verifica que teñen importante impacto «as viaxes do papa Xoán Paulo II a Santiago en 1982 e 1989; as declaracións de Patrimonio da Humanidade do Camiño e da cidade pola Unesco e polo Consello de Europa; e O diário de um mago, ficción do brasileiro Paulo Coelho, que vendeu millóns de exemplares e foi traducida a numerosas linguas; eses son os principais macrodiscursos que funcionan», afirma a investigadora María Luísa Fernández. Onte defendeu a tese de doutoramento Discursos sobre Santiago de Compostela y el/los Camino(s) de Santiago en la novela española actual (2010) a través de técnicas analíticas digitales: posibilidades y valor del conocimiento generado, elaborada nese grupo.

Orientaron o seu traballo os profesores Elias Torres e Roberto Samartim, das Universidades de Santiago e A Coruña. «No grupo estudamos produtos culturais desde o ano 2008. Dentro das publicacións destacan as turísticas e as narrativas de ficción. Escollín as 19 novelas editadas en castelán, e en España, en 2010, o único ano santo do período. A maioría teñen entre 200 e 600 páxinas e fixen cinco agrupamentos. As de tema histórico-relixioso e esotérico supoñen o 42 % do total, e nelas está o principal discurso sobre Santiago e o Camiño. Os outros tres agrupamentos son polo carácter paisaxístico-territorial, tendencia literaria romántico-cabaleiresca, e narrativa policíaca ou de intriga», explica Luísa.

Paisaxe, patrimonio, santuario

Comprobou que «a paisaxe aparece sempre como adversa, unha orografía difícil e un clima de chuvia e frío que fai que o peregrino sufra para ao final atinxir a felicidade logo de superar as dificultades. E o patrimonio urbanístico ten un carácter positivo, vinculado a un desenvolvemento económico para as localidades por onde pasa o Camiño».

Resalta que «nestes produtos literarios predomina tamén a medievalización de Santiago, e ideas elaboradas pola Igrexa católica, como o cristianismo como base da civilización europea. Iso ten tamén que ver coa idea de construción da comunidade europea nos anos 80, con influencia do papa Xoán Paulo II e a tendencia da Unesco á patrimonialización. E funciona moito Santiago como cidade santuario».

Verifica igualmente que «varios autores que publican libros sobre o Camiño teñen recoñecemento no panorama da novela histórica contemporánea española, como Toti Martínez de Lezea, con máis dun título sobre Santiago; ou Jesús Sánchez Adalid, de quen en 2010 se reeditou El Mozárabe. Entre os autores de 2010 en castelán hai galegos; alén de dúas traducións, da alemá Ulrike Schweikert e do holandés Cees Nooteboom».

Entre as principais conclusións do seu estudo están que «hai unha cultura do Camiño con ausencia de Santiago e da súa xente. Ven o Camiño como metáfora da vida, como procura dun mesmo; non interesa tanto por onde pasa, senón a propia experiencia peregrina, o proceso de camiñar. Santiago aparece sobre todo como meta, apenas se menciona que sexa cidade universitaria, capital de Galicia ou cabeza de comarca. Por iso aparece no capítulo final, ou no penúltimo se consideran tamén o regreso. E encontramos sobre todo a Catedral, o Obradoiro e proximidades, non outros espazos de interese histórico, nin os barrios novos ou o Ensanche; hai un perfil con moitos tópicos, e invisibilidade da cultura local».

María Luísa Fernández. Licenciada na Coruña, fixo o doutoramento na USC os 3 últimos anos, cunha bolsa de investigación da Xunta.

Estudo literario. Estudou as características e o discurso de 19 novelas ambientadas no Camiño de Santiago, publicadas en castelán e en España no ano santo 2010.