Aquí naceu Rosalía de Castro

A casa natal, que hoxe non existe, ocuparía o que actualmente é a praza de Vigo

Casa natal de Rosalía de Castro no Camiño Novo de Santiago, daquela concello de Conxo. Hoxe, praza de Vigo (Fotografía da revista «Vida gallega» no ano 1917)
Casa natal de Rosalía de Castro no Camiño Novo de Santiago, daquela concello de Conxo. Hoxe, praza de Vigo (Fotografía da revista «Vida gallega» no ano 1917)

Os ingleses teñen a posibilidade de visitar a casa natal de Shakespeare (1564) enriba do río Avon, nunha pequena cidade chamada Strattford (preto de Birmingham); non tanta sorte tivo a literatura española, que só pode acceder a unha reconstrución recente do inmoble onde naceu Cervantes (1547), na fermosa Calle Mayor de Alcalá de Henares. Nós contamos coa casa derradeira de Rosalía de Castro, a emblemática A Matanza de Padrón, onde ela viviu os últimos anos, e onde morreu (1885), pero nada quedou desta imaxe que hoxe traemos á nosa Fotohistoria: da casa natal de Rosalía de Castro.

Rosalía naceu aquí o 24 de febreiro de 1837, no daquela chamado lugar das Barreiras, no Camiño Novo ou vía de saída de Santiago cara a Noia e Padrón. Naquel intre, esta zona pertencía realmente ao novo Concello de Conxo (novo porque tiña menos de dous anos de existencia). Situámonos tamén no alto do lugar de Cornes. Estes espazos serán un referente constante na obra da poeta. Lugares para o alento en momentos «sombrizos» cando canta ao «formoso campo de Cornes», de denuncia ante a tronza dos carballos do bosque de Conxo («Los Robles»), e un espazo tamén de liberación en novelas como «El primer loco» («agreste», «hermoso», «fresco», «reparador»...).

A casa natal de Rosalía hoxe non existe, ocuparía o que actualmente é a praza de Vigo na confluencia coa avenida Rosalía de Castro (a memoria no rueiro). Enriba do actual aparcadoiro lémbrase este feito cunha escultura de pedra. Pero si temos a imaxe (anónima) daquel casarío. Foi publicada no número 96 da popular revista «Vida gallega» no mes de novembro de 1917. No pé, escribe o redactor: «Casa del Camino Nuevo donde nació Rosalía de Castro, lejos del pazo de Iria Flavia, solar de sus abuelos». Dous anos despois, en xullo de 1919, a mesma revista (nº 130) dedica unha páxina e cinco imaxes a criticar o abandono dunha casa que xa está en ruínas: «Todo está allí como hace ochenta o cien años». Santiago medrou polo seu Ensanche sen deixar pegada. Agás na memoria... e nas vellas fotografías. O próximo ano 2017 cúmprense 180 anos do nacemento de Rosalía. Neste preciso lugar.

editor@alvarellos.info

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
11 votos
Comentarios

Aquí naceu Rosalía de Castro