«O Camiño de Santiago é fermoso e duro, e merece moita máis atención»

O atleta Pedro Nimo presentou a Carreira Camiño das Letras, que é o domingo, de Lavacolla a San Lázaro

Nimo, onte no Gaiás, após regresar dunha experiencia «nova e positiva» en Acerbaixán.
Nimo, onte no Gaiás, após regresar dunha experiencia «nova e positiva» en Acerbaixán.

SaNtIaGO / LA VOZ

«Como en casa, en ningún lado», afirma o atleta Pedro Nimo ao lle preguntar pola súa recente experiencia en Acerbaixán. Onte presentou, no Gaiás, a Carreira Camiño das Letras, que se celebra o domingo: confirmou que participará na proba absoluta, de case 11 quilómetros, entre Lavacolla e o estadio de San Lázaro, polo Camiño de Santiago; e haberá probas especiais para categorías de pitufos a xuvenil, nun circuíto en San Lázaro. As persoas interesadas aínda se poden inscribir, o prazo finaliza o día 12, no sitio web de Carreiras Galegas (www.carreirasgalegas.com). Entre os premios e agasallos, cada participante recibirá un libro. Con Nimo estiveron no acto os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e a directora da proba, Carmen Vázquez.

«Esta Carreira Camiño das Letras ten un maior significado para min agora, por regresar desa experiencia en Acerbaixán. O Camiño de Santiago é fermoso e duro, hai que o tomar con calma; e merece moita máis atención, en moitos tramos está feito un desastre. Tamén sinto orgullo da miña lingua; e ler, para min, é como unha boa terapia máis». Chegou a semana pasada: «Fun convidado por Elkhamm Mammadou, presidente da Federación de Fútbol de Acerbaixán. Repararon que toda gran cidade ten unha proba atlética que a identifica, e recibín unha proposta para axudar a organizar unha en Bakú, a capital do país. Pasei alí máis de 40 días», indica.

A experiencia «foi nova e positiva para min, e valeu a pena», admite: «Vin un país con vontade de ser europeo, a pesar da súa tendencia musulmana. Bakú é unha cidade espectacular, fermosísima, con moitos atractivos e alicientes; tamén con grandes diferenzas sociais. O que máis botaba de menos era a nosa carne e o noso pan», lembra.

O seu traballo resultou ben sucedido: «Axudei a organizar unha carreira, que foi un éxito, porque alí non corre ninguén, esa foi a miña primeira gran sorpresa; cando me vían correr a xente non disimulaba estrañeza. Pensaban que non se xuntarían máis de 400 ou 500 persoas correndo. Finalmente foron 6.000 as inscritas. Houbo quen correu con traxe, con zapatos, con vaqueiros... hai moito por facer, a nivel cultural precisan abrir máis o país ao mundo», di. Pedro tamén correu, aínda que o seu contrato obrigaba a que acompañase aos primeiros até uns metros antes da meta e nese instante se afastase «e así foi, resulta curioso ver o vídeo. Foi importante conseguir que se concedese o mesmo premio a homes e a mulleres. Gañaron un profesor e unha profesora de educación física, é importante para a idea que teñen de promover o deporte no país. O premio foi moi relevante para eles, case 8 veces máis do que gañan nun mes»

Agora «seguirei colaborando con Acerbaixán. Cada 2 meses irei unha semana alí, para seguir organizando carreiras de varias distancias. Dentro dun ano tentamos chegar a unha maratón».

¿E como foi o regreso, o reencontro co seu Santiago; e que proxectos ten? «Aquí toca loitar. Teño dúas tendas, que notan a crise, e como outras empresas pequenas pasamos un mal momento, con dúbidas de seguir ou pechar. Recibín outra oferta en Abu Dabi, que estou a pensar. Son moi morriñento, e saír ao exterior para min non é fácil, teño que o pensar ben», responde.

Pedro Nimo. Este recoñecido atleta, con importantes éxitos internacionais, naceu en Santiago en 1980.

Carreira Camiño das Letras. A terceira edición é o próximo domingo. A proba absoluta será entre Lavacolla e o estadio de San Lázaro, onde haberá outras para as idades máis novas.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

«O Camiño de Santiago é fermoso e duro, e merece moita máis atención»