Cando Borges palpou o Pórtico

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

q

O gran escritor arxentino visitou Galicia en 1964

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba de xira por Europa aquel ano 1964. Acompañábao a íntima amiga María Esther Vázquez, escritora arxentina. Ela foi quen lle suxeriu incorporar Santiago e Galicia á longa viaxe que trazaran polo Vello Continente. E así foi como un dos máis grandes escritores da literatura universal visitou Compostela. Por aqueles días, Jorge Luis Borges, de 65 anos, estaba xa case cego. A súa inseparable compañeira, María Esther, tiña 23. Esta imaxe, na que aparecen flanqueando ao galeguista Ramón Piñeiro, é a única que, ata agora, se coñece do paso de Borges por Galicia. Posan diante dos soportais da praza do Toural. A fotografía está recollida por Claudio Rodríguez Fer no seu libro Borges dende o labirinto galego (Xunta de Galicia, 2008).

Uns anos despois daquela viaxe, o autor arxentino chegaría a escribir que Santiago fora unha das cidades máis inesquecibles para el. «Edimburgo, o York, o Santiago de Compostela pueden mentir eternidad», sentenciou.

Dáse a casualidade -neste labirinto borxiano que é vida- que o pasado xoves 21 de abril atopei a María Esther Vázquez nun acto de Galicia na Embaixada de España en Buenos Aires onde ambos estabamos. Ela ten hoxe 79 anos, un corpo miúdo, unha mente áxil e un doce timbre soprano e porteño. E sempre está preto de Galicia, pois sete dos seus oito bisavós eran galegos. Conversamos:

- Usted llevó a Borges a Santiago, díxenlle.

- ¡Uy...! ?suspirou?. ¡Eso parece que fue en otra vida...!.

Fixo unha pausa longa onde reuniu lembranzas e logo continuou: «Borges ya no veía nada. Palpó con las manos, muy lentamente, el Santo dos Croques, que creo que hoy ya no se puede hacer. Yo lo llevé a Santiago, sí, y quedó entusiasmado».

Volvín estar con María Esther un par de días despois, xa que interviña en varios actos da programación de Santiago e Galicia na Feira do Libro de Buenos Aires. «Borges me dijo: si la literatura española del siglo XIX se salva es por Rosalía de Castro. Y yo casi lloraba de emoción». O próximo 14 de xuño cúmprense 30 anos dende o falecemento de Borges. Sexa pois esta Fotohistoria unha homenaxe dende o local ao escritor universal. Cunha aperta tamén fonda e trasatlántica para María Esther Vázquez.

editor@alvarellos.info