A Compostela inédita de Almejún


Chegou a Santiago en 1867 para pintar o interior da capela das Ánimas e, ao parecer, aproveitou para obter unhas imaxes da cidade que, hai só un par de anos, fixo públicas na súa web a Biblioteca Nacional. Case todas aínda permanecen inéditas. Como esta que hoxe traemos aquí. Falamos do artista natural de Valladolid Baldomero Almejún. Outro gran descoñecido. A súa obra pictórica foi analizada polos historiadores Enrique F. Castiñeiras e M. Carmen Folgar, pero a súa faceta como fotógrafo segue sen espertar o interese dos investigadores (agás o lembrado Xosé Luís Cabo Villaverde que en 1991 rescatou dúas imaxes). Almejún foi outro pioneiro namorado desta cidade, onde mesmo chegaría a ter estudo fotográfico.

Dar a luz unha foto inédita contén un pracer especial. Aínda que sexa unha imaxe moi vista da cidade. Porque falamos dunha data, 1867, dos primeiros tempos da fotografía. Ademais, traemos aquí este Pazo de Raxoi que este ano está, dalgún xeito, de aniversario: un dos edificios neoclásicos máis importantes de España foi deseñado hai xusto 250 anos. Mandado construír polo arcebispo Bartolomé de Rajoy (nada que ver co actual presidente en funcións, que saibamos) e ideado polo enxeñeiro francés Charles Lemaur. Foi albergue de confesores, residencia de nenos do coro, cárcere municipal e consistorio. Na actualidade, como sabemos, é a Casa do Concello, sede da presidencia da Xunta, do Consello da Cultura Galega e da policía local (os seus 90 metros de fachada dan para moito).

Almejún retratou Santiago polo mesmo ano que outro pioneiro da fotografía, Charles Thurston Thompson. Porque a nosa cidade foi axiña evidente obxecto de atracción internacional dos novos artistas da imaxe.

E para concluír, unha pregunta para historiadores da Arte, que eu non sei responder: ¿Por que nesta foto non aparecen, nos frontóns laterais do Pazo, os escudos no alto de Bartolomé Rajoy que vemos hoxe?

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

A Compostela inédita de Almejún