Cando o Obradoiro era de terra

Unha das imaxes máis antigas de Galicia (1858)


A historia desta fotografía é moi singular. Nos arquivos do Palacio Real de Madrid, se un busca a documentación relativa a Isabel II (raíña de España entre os anos 1833 e 1868), atopará un álbum de imaxes dun tal Andrés Cisneros. Son imaxes de Santiago, estampas desta cidade na altura de 1858. E están aquí, no Palacio Real, porque a comezos de setembro daquel ano a raíña visitou Compostela. A monarca seica era moi afeccionada á novísima arte fotográfica e encargou un álbum con imaxes da cidade. O fotógrafo habitual da Corte, Charles Clifford, non puido vir a Galicia, polo que houbo que buscar a un retratista local. E este foi Andrés Cisneros. O noso pioneiro da fotografía.

Andrés Marcelino Cisneros Pereiro era natural do barrio de Sar, estivera en Cuba e Puerto Rico, e arredor do ano 1855 montara xa en Santiago, na rúa do Vilar, un estudo fotográfico. Foi todo un avanzado, pois naqueles días poucos negocios deste tipo había en España (nin sequera o gran Jean Laurent abrira en Madrid o seu estudio). Cisneros retratou varios lugares da cidade do apóstolo e tamén a primeira Exposición Regional Gallega, montada en San Martiño Pinario.

Unha das dezanove imaxes que hoxe conservamos é esta panorámica da praza do Obradoiro. Un insólito Obradoiro en terra, cuns paus ergueitos diante da escalinata da catedral que poderían ser parte da tremoia dos fogos do Apóstolo. E, ao fondo, tralo Hospital Real, un Monte Pedroso espido, sen árbores, pois tal era no século XIX.

Estamos, polo tanto, ante unha das fotografías máis antigas de Galicia. E ante un artista, Andrés Marcelino Cisneros Pereiro, que aínda agarda por un oco, que ben merece, na historia da fotografía galega e española.

editor@alvarellos.info

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

Cando o Obradoiro era de terra