¿Que foi da Virxe da Cuncha?

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Arquivo Gráfico de Alvarellos Editora

No mesmo lugar erguíase a carballeira de Conxo

29 mar 2016 . Actualizado a las 17:55 h.

As fotografías son uns grandes notarios da nosa historia moderna. Esta imaxe -coa que iniciamos unha serie que demos en chamar Fotohistorias- ten cen anos. Pertence a unha colección de 44 postais publicadas sobre 1915. Impresas e editadas en Barcelona por Fototipia Thomas, como promoción do (daquela) novo e moderno «Manicomio de Conxo».  

O que vemos é Santiago. En rigor deberiamos dicir que é Conxo, pois Conxo era aínda daquela Concello de seu (foino ata que se anexionou a Compostela, en 1925). A foto é realmente sorprendente. Tan descoñecida para a maioría de santiagueses como a historia que leva dentro. No pé orixinal da postal aparece escrito: «Gruta de la fuente de la Virgen». Coñecemos algún dato disto, pero non moitos. Ímolos resumir: 

¿O lugar concreto? A poucos metros do río Sar, no fondo da actual finca do sanatorio psiquiátrico de Conxo. Os arcos e columnas son parte do fermoso claustro románico de Xelmírez (século XII), e hoxe están reubicados no seu lugar orixinal, no Mosteiro. Detrás deles, un crego, unha monxa, catro veciños... e unha gruta con fonte dentro... e Virxe. Que non vemos, pero que sabemos foi lugar de culto durante séculos para milleiros de peregrinos (por aquí entraba o Camiño Portugués).

¿Que será da venerada imaxe da Virxe da Cuncha, na que algúns mesmo ven a orixe do topónimo «Cuncha-Conxo»? ¿E desa gruta? En fin. Aquí queda pousada esta postal centenaria con gruta dentro, para ansia de investigadores e curiosos...  

Neste mesmo espazo erguíase, por certo, ata 1882, unha enorme carballeira onde se celebrou, un 2 de marzo de 1856, o Banquete de Conxo. Cumpríronse estes días entón 160 anos deste histórico acto de afirmación democrática, do que falaremos noutra Fotohistoria.

editor@alvarellos.info