«A novela reivindica a figura de Fontán e o papel da ciencia»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

Marcos Calveiro presenta hoxe a novela en Santiago
Marcos Calveiro presenta hoxe a novela en Santiago . r. F.< / span>

O escritor destaca que o protagonista da obra é o único científico no Panteón de Galegos Ilustres

27 ene 2016 . Actualizado a las 10:06 h.

20.00 horas / Librería Couceiro / O escritor arousán Marcos Calveiro presenta esta tarde a súa última novela, Fontán, en Santiago. Acompañarao o escritor Manuel Portas e o director de Galaxia, Víctor F. Freixanes.

-¿Cando decidiu facer un libro sobre Domingos Fontán?

-Obsesionado con Fontán levo dende a adolescencia, desde que lin Arredor de si, de Otero Pedrayo. Foi un personaxe que sempre me pareceu extraordinario e levo moitos anos recompilando información. Comecei a escribir a novela fai 7-8 anos, pero foi un traballo aos poucos. Nalgún momento parei para escribir algunha das miñas outras obras. Cada vez que tiña algún tipo de información, ía escribindo un capítulo da novela e organizándoa.

-O traballo de documentación foi esencial...

-Hai unha gran parte de documentación histórica, sobre o tempo que viviu el, porque percorre un século extraordinario en Galicia, como é o XIX, a loita contra os franceses, a represión liberal, a loita do absolutismo contra a modernización do país... Pero tamén hai moito de ficción na novela, porque toda a parte da súa infancia e da súa adolescencia saíu da miña cabeza...

-Parte da novela transcorre en Santiago, ¿que papel xoga?

-Nun momento determinado da novela, fala de como triangular a súa vida, e Fontán fala de Porta do Conde, lugar onde naceu no concello de Portas, fala de Santiago e fala de Noia, o lugar de parte da súa infancia. Santiago tivo moitísima importancia na súa vida porque é onde estuda, onde coñece ao seu mestre Xosé Rodríguez, forma parte do consello universitario, o mapa trázao con moito material que foi mercado pola Universidade de Santiago, viviu en Santiago, e o primeiro lugar que mira astronomicamente para iniciar as medicións astronómicas do mapa é a torre do reloxo da Catedral, é dicir, é un factor moi importante na súa vida. Moitos capítulos da novela transcorren por as rúas de Santiago XIX.

-¿É un xeito de reivindicar a figura de Domingo Fontán?

-Si, porque está esquecido. Todo o mundo se lembra que no Panteón de Galegos Ilustres están Rosalía e Castelao, pero alí tamén está Fontán. É o único científico que está o lado de literatos. Si que moita parte da cultura galega, durante moito tempo, tivo o mapa de Fontán como un elemento totémico, pero hoxe é un personaxe esquecido. A novela é para reivindicar a súa figura histórica e o papel da ciencia non só del, senón outros compañeiros científicos del e mestres del no século XIX.

-Escribe tamén novela infantil e xuvenil, ¿cambia moito?

-O rexistro infantil si que é diferente, pero o xuvenil, non fago ningunha distinción. A primeira idea da novela era un retrato da infancia de Fontán e da súa adolescencia. O que me chamaba a atención era onde nace a vocación científica dun rapaz dunha pequena parroquia de Portas. Logo tanto me marabillou a personaxe e a súa idade adulta que tiven que meter todo. Cando me poño a escribir unha novela tampouco teño moita idea se vai ser para o público infantil, xuvenil ou adolescente. Decídoo o remate da mesma dependendo da extensión e a complexidade. Esta novela pódea ler un adolescente sen problema. É unha pequena aventura científica e un anaco da historia do noso país.

-Publicou moitos libros nos últimos anos, ¿pensou o próximo?

-Levo dous anos sen escribir nada. Isto estaba nun caixón. Tiña bastantes cousas nel e esta era unha delas. Agora xa so me quedan dúas, haberá que empezar a escribir de novo. Agora a miña vida levoume por outros carreiros e tampouco sinto a necesidade de escribir nin teño outra idea na mente, pero iso non quita que andando por Santiago vexa algo que me leve a escribir. As novelas están agochadas en todos os recunchos.