«Historias de Compostela», en galego

Trátase da primeira tradución das 17 crónicas coas que Filgueira Valverde homenaxeou á cidade de Santiago

A edición en galego do libro de Filgueira Valverde foi presentada onte
A edición en galego do libro de Filgueira Valverde foi presentada onte

Historias de Compostela, de Xosé Filgueira Valverde, xa está en galego. Esta tradución do libro, que orixinalmente foi publicado en castelán en 1970, foi presentada onte nun acto con presenza do alcalde de Santiago, Mariño Noriega; do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o Fillo do Escritor, Xosé Fernando Filgueira; o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos; e o arquitecto e exalcalde compostelá, Xerardo Estévez, encargado de prologar a obra. Numeroso público acudiu a esta convocatoria.

A tradución ao galego desta obra publicada por primeira vez pola editorial Bibliófilos -cofundada polo propio autor-, xorde no marco a celebración, o ano pasado, do Día das Letras Galegas, que se lle dedicou o escritor pontevedrés. O libro foi publicado polo Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, responsable da súa tradución.

Filgueira Valverde recolle neste libro os coñecementos da antiga Compostela e das tradicións xacobeas a través de dezasete crónicas. Están divididas en catro grandes grupos nos que repasa a Compostela medieval; o apóstolo Santiago; as festas de Santiago no Barroco; e o que el denomina Varia Lección, na que recolle e comenta diversas referencias literarias ao Camiño.

Nesta tradución ao galego de Historias de Compostela mantéñense as ilustracións da primeira edición, e na tradución intentaron que se mantivera o máis fiel posible ao estilo e aos xiros orixinais do escritor, limitándose a mínimas correccións tipográficas e de puntuación.

Na presentación do libro onte na Fundación Torrente Ballester, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou que a publicación sobre Compostela incrementa o seu valor ao ser referencia fundamental á historia e proxección do final do Camiño.

No limiar do libro, Xerardo Estévez, destaca a relación que dende moi cedo mantivo Filgueira Valverde con Santiago e tamén se mostrou convencido de que ao autor lle gustaría a tradución ao galego.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Historias de Compostela», en galego