Reivindican «salvar o fondo de Isaac Díaz Pardo» no cuarto aniversario da súa morte

Joel Gómez SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

Unha ofrenda de flores e mazás, a solta de dúas pombas, evocacións, poemas, música e discursos lembraron a obra do artista, editor, empresario, mecenas, intelectual e promotor de iniciativas galeguistas no cemiterio de Boisaca

10 ene 2016 . Actualizado a las 14:57 h.

O presidente da Academia Real Isaac Díaz Pardo, e tamén da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, reivindicou «salvar o fondo de Isaac Díaz Pardo» nun acto celebrado no cemiterio de Boisaca para comemorar o cuarto aniversario de Díaz Pardo. Durante case hora e media, entre as 12.40 e as 13.57, con tempo frío e en que non parou de chover, houbo unha ofrenda de flores e mazás ante o espazo onde está soterrado Díaz Pardo, entre Antonio Fraguas e Aurelio Aguirre. Tamén se ceibaron dúas pombas, e houbo evocacións, lectura de poemas, música e discursos. Ás 13.47, o grupo de gaitas Encantiños do Ulla interpretaron o hino galego, e nesa altura o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, depositou un ramo de flores. Isaac Díaz Pardo foi reivindicado como poeta, artista, editor, empresario, mecenas, intelectual e promotor de iniciativas galeguistas, por máis de cincuenta persoas. Estiveron presentes Camilo e Xosé Díaz, fillos de Isaac, e a maioría das persoas presentes tiveran relacionamento con el.

A homenaxe, presentada pola profesora Olivia Rodríguez González, constou de tres partes. Inicialmente falaron Ana Acuña, docente da Universidade de Vigo; Antón Costa, da de Santiago, quen salientou a importancia dos fondos de Díaz Pardo que se conservan no Gaiás; Esperanza Mariño, autora dun roteiro, que se prevé difundir neste ano; Francisco Arturo Pita Fernández, da Asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada, quen salientou a déveda deste municipio mariñán con Isaac polas iniciativas que ali promoveu; Jesús Redondo Abuín; e un texto da profesora Marifé Santiago Bolaños, que leu Patricia Díaz Chachero, e na que referia o último encontro con Isaac, na Residencia de Estudiantes de Madrid.

A segunda parte foi de poesía e recitación de traballos literarios por Carmen Blanco; Xoán Xosé Fernández Abella, Xesús Rábade Paredes, Claudio Rodríguez Fer e Helena Villar Janeiro. Alén destes autores, María López Penido e Carmen Rodríguez Ferreiro, estudiantes do IES Cacheiras, leron o poema «Cacheno», de Isaac Díaz Pardo. E Mini e Mero interpretaron unha canción.

A parte final comezou co recitado do poema de Lorenzo Varela «Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados», por Manuel Ucha; a solta de pombas; as palabras de Alonso Montero, e as actuacións de Encantiños e novamente de Mini e Mero.