«O roubo da cruz de Afonso III é unha historia que merecía contarse»

SANTIAGO CIUDAD

O autor, Manuel F. Rodríguez, é xornalista e técnico cultural do Xacobeo.
O autor, Manuel F. Rodríguez, é xornalista e técnico cultural do Xacobeo. juan grondona< / span>

A novela preséntase mañá no salón Cimabue do hotel San Francisco

27 oct 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

O xornalista Manuel F. Rodríguez (Sarria, 1958), experto no fenómeno xacobeo tralos seus 23 años de traballo como técnico cultural da Sociedade de Xestión do Xacobeo, presenta mañá, ás 19.30 horas no salón Cimabue do hotel monumento San Francisco, a súa primeira novela, A viaxe á fin do mundo (Bolanda Edicións). A historia arrinca no 1906, cando tivo lugar un dos feitos máis descoñecidos da historia compostelá, o roubo da cruz de Afonso III, da que nunca nada máis se soubo.

-Confeso que nada sabía de que antes do roubo do Códice Calixtino a Catedral de Santiago sufrira unha perda tan ou máis grave. Non moita xente coñecerá esta historia.

-Non, a verdade é que non. No ano 2000, como non había ningunha publicación sobre os anos santos, comecei a documentarme para escribir un libro sobre os xacobeos. O primeiro ano santo do século XX foi en 1909 e consultando a prensa da época lin que aquela celebración estaba empañada pola perda da cruz de Afonso III. Iso levoume a indagar o que pasara, a ler a prensa de 1906 e a documentarme sobre estes feitos ata que hai dous anos e medio empecei a escribir a novela.

-¿Hai máis ficción que historia no libro?

-En paralelo á novela fixen un blog (aviaxeafindomundo.com) no que aporto toda a documentación real sobre os feitos que inspiraron a novela. Parto dese feito real, o roubo da cruz, e o relaciono con outro momento estraño da historia da Catedral, como foi o insólito incendio en 1921 do retablo da capela das Reliquias, onde estaba a cruz de Afonso III. Eu relaciono ambas historias e iso é pura ficción, pero os dous feitos son históricos. O ambiente é tamén puramente xacobeo e a historia transcorre en Santiago, en Fisterra e secundariamente en Vilagarcía.

-¿E por que tamén en Vilagarcía?

-Pois porque alí fondeaba no século XIX e ata os anos 30 do XX a Royal Navy e os mariñeiros ingleses peregrinaban a Santiago, tanto os católicos como os anglicanos. Iso tamén aparece na novela porque unha das maiores atraccións era aquela gran cruz que xa non temos e que era única, porque era unha cruz grega de ouro e xemas que data do ano 874 e que era a máis venerada polos antigos peregrinos europeos. Non en van, é a primeira ofrenda coñecida ao Apóstolo Santiago. Había incluso peregrinos que pensaban que era a propia cruz de Santiago. Despois sufriu unha serie de perdas, roubáronlle case que todas as pedras nun feito insólito, craváronlle crucifixos... A min parecíame que o roubo da cruz de Afonso III era unha historia que merecía contarse.

-¿É unha novela histórica con partes de ficción na que o misterio é o ingrediente principal, non?

-Si, misterio, suspense... Procurei darlle un ritmo xornalístico e facer un gran traballo de documentación. É unha novela moi documentada que respecta por completo a historia e os momentos nos que se desenvolve. A maiores, tamén por iso fixen ese blog no que se expón toda a documentación e no que se separa claramente historia de ficción.

-E como vostede é xornalista, o protagonista tamén...

-Pois si, un xornalista que se topa coa historia case sen querer e que lle acaba por dar moitos problemas. A novela transcorre no 2006, cen anos despois da desaparición da cruz, e nesa ficción resólvese todo o misterio. Ben, todo menos unha cuestión, pero xa non conto máis...

manuel f. rodríguez xornalista e autor de «a viaxe á fin do mundo»

«Aquela cruz única de ouro e xemas era a máis venerada polos antigos peregrinos»