«Debería haber un gran pacto sobre como abordar a política social»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

27 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cela asume que cen días son poucos, «e máis con agosto polo medio», pero sostén que CA tiña que ter posto urxencia «nas cuestións que eran urxentes», como os comedores escolares e as escolas infantís municipais, nas que «non se fixo todo o ben que debería». Pero tamén bota en falta axilidade na convocatoria dos consellos de participación e advirte «moito retraso» na política laboral do Concello: «A engranaxe vai aínda demasiado amodo».

-¿Tenlle tomado este goberno a medida institucional á cidade?

-Creo que non. Este Concello é complexo e require un alto nivel de dedicación e de representación. Ten responsabilidades extra de representación que non son menores. Algunhas teñen tamén a súa importancia simbólica, e paréceme importante pendurar a bandeira gai en Raxoi e a actitude que puido ter o goberno coa tratorada, ou a non participación en determinados actos confesionais, pero tamén é importante que o alcalde estea na apertura do curso da USC. Non creo que haxa unha cuestión premeditada de non facelo ben, creo que é froito de certa inexperiencia sobre que hai certas cuestións na cidade e unha carga institucional importante que vai no posto.

-Coa historia que acumulan os proxectos da intermodal e a depuradora, ¿precisa Santiago un pacto polas infraestruturas?

-Si. E no caso da proposta que fixo o PP, o fondo parécenos ben, pero sorprendeunos de onde vén, porque esa non foi a súa práctica nestes catro anos, todo o contrario. Tomou moitas decisións de xeito unilateral. Pero que rectifica, benvido sexa, e estou disposto a participar activamente dese pacto, pero debería ser non só de infraestruturas. Hai outras cuestións como o traslado de Medicina, a vella terminal do aeroporto... Pero tamén debería haber un gran pacto en como abordar o groso da política social e laboral. Se todos coincidimos en que o principal problema é o desemprego e que hai unha parte da poboación que o segue pasando fatal, e iso ten que ser o prioritario, ver como se plasma unha declaración de intencións en compromisos prácticos nun orzamento e actuacións concretas.

-En canto a equipamentos. ¿Ve solución para a vella terminal?

-Si. O que non vexo é predisposición. Vexo que o ministerio, Aena e a Xunta se poñen de perfil. E o Concello ten que ser propositivo. Pero tamén están o Monte do Gozo, o campo de tiro de Bando e o parque de bombeiros.