«Resulta máis fácil explicar un crime dicindo que alguén toleou»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Álvaro Ballesteros

Non sempre é evidente que un parricidio se deba a unha doenza mental, di

23 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Integrar mellor as persoas con doenza mental e combater o estigma contra elas é un obxectivo central do congreso español de Psiquiatría. Reúne a máis de 2.000 profesionais en Santiago, e hai xa actividades abertas ao público con ese obxectivo. «Aborda melloras de tratamentos, e tamén da relación con doentes e familiares», indica Mario Páramo, do comité organizador.

-Certos crimes son asociados moitas veces con doenzas mentais, ¿hai relación?

-Pode haber relación, aínda que moitas veces resulta máis fácil explicar un crime dicindo que alguén toleou que doutro xeito. O ser humano ten maldade, e pode chegar a situacións de egoísmo extremo, que non teñen moito que ver coa saúde mental.

-¿Son decisións repentinas ou planificadas?

-Calquera pode padecer unha alienación mental transitoria. Porén, polo que se coñece, certos crimes parecen planificados. É certo que hai parricidios modulados por unha doenza mental, mais iso non sempre é evidente, como nos casos de Asunta ou no crime de Moraña deste verán.

-¿É propicio o verán para que acontezan problemas psiquiátricos máis graves?

-Non. Pode haber máis conflitos, de persoas que non están normalmente tanto tempo xuntas, ao compartiren máis cousas. Algo parecido acontece nas ceas familiares de Nadal. Máis tempo de convivencia pode levar a máis dificultades; e nas vacacións iso acontece.

-¿Poden restar secuelas de saúde mental relacionados co accidente de Angrois?

-En dous anos a resposta ao que se chama estrés postraumático mellora. Porén, depende da personalidade de cada quen, do nivel de apoio que teña, e do que significase a situación que pasou. No conxunto das persoas implicadas, sería unha porcentaxe moi pequena á que lles restase algunha secuela. Se se ten unha boa rede social coa familia, no traballo, e amizades, é máis fácil de superar unha situación así que se non se ten rede social.

-¿Notan incomprensión cos problemas de saúde mental?

-Penso que o que hai é descoñecemento. E ante iso, a información é a mellor medicina para o medo a doentes mentais.

-¿Existe unha oferta de atención psiquiátrica axeitada para a demanda da sociedade actual?

-Hai unidades de hospitalización, dispositivos de rehabilitación e atención continuada, unidades ambulatorias de saúde mental, de psicoxeriatría; ou programas para previr o suicidio e as recaídas de intentos de suicidio, entre outras ofertas na atención psiquiátrica. O que se pretende é que o tratamento sexa canto antes, para que sexa máis eficaz, sobre todo nas doenzas graves como a esquizofrenia e o trastorno bipolar, para previr o deterioro que pode sufrir a persoa con doenza mental.

-¿Ten futuro un centro como o Psiquiátrico de Conxo?

-O Psiquiátrico chegou a ter moitos centos de persoas internas; hoxe hai 230. Todas as camas do Psiquiátrico teñen función rehabilitadora, unhas de estadía prolongada, e dúas salas de estadía media de 24 camas cada unha. A maiores das unidades para a asistencia hospitalaria, tamén se desenvolven dispositivos alternativos para as persoas con doenza mental, como o hospital de día, a atención continuada de doentes crónicos, a hospitalización a domicilio, que pretenden unha mesma calidade de tratamento no ambiente da persoa afectada, seguindo as directrices da OMS e da Estratexia Nacional de Saúde Mental, sempre que iso non supoña unha sobrecarga para a familia.

-¿Hai estratexias para diminuír ingresos psiquiátricos e reducir recursos asistenciais?

-Como xefe, quero ter sempre o maior número de recursos. Hai estratexias para potenciar a atención preferente para as persoas con problemas máis graves, e así diminuír os ingresos nas unidades de hospitalización. E penso que iso debería ser considerado un dato de calidade e bo funcionamento dun servizo.

«O ser humano ten maldade e pode chegar a situacións de egoísmo extremo»