«A nosa historia literaria debe ter en conta as dúas linguas oficiais»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

«O discurso da normalización limita e bloquea a innovación», afirma

18 ago 2015 . Actualizado a las 09:57 h.

Na Tese de Doutoramento e outros estudos que elaborou na USC, Isaac Lourido defende unha nova forma de pensar e redefinir a historia literaria galega, de facer crítica e investigar a cultura do país. Así o propón no premiado e reeditado volume História literária e conflito cultural e en Livros que nom lê ninguém, publicados os últimos meses en Compostela polas editoras Laiovento e Através. Desde o 2013 exerce no Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa.

-¿Que modelo propón en «Historia Literária e conflito cultural»?

-A nosa historiografía literaria oficial, nas últimas décadas, aplica un criterio filolóxico; non analiza por exemplo as obras de Rosalía en castelán. Propoño un modelo máis aberto: a nosa historia literaria debe ter en conta as dúas linguas oficiais, non traballar como se o castelán non existise, e ver o que acontece entre elas; como son os procesos de produción, recepción, consumo e outros; ou se hai conflito e como é.

-¿Hai exemplos dese modelo?

-Si; estudo traballos de Xoán González Millán, Antón Figueroa, o Grupo Galabra e o seu director Elías Torres, ou do director do meu traballo académico que foi Arturo Casas. Tamén outros como Fernando Cabo, Vilavedra, Helena González, Vieites, López Silva e algúns máis.

-¿É unha «nova crítica», pois?

-Si. O discurso da normalización limita e bloquea a innovación, a aposta por novas estratexias, que considera unha ameaza; e esta crítica supera ese discurso, ao ser mais ampla.

-¿Chega ese novo discurso á sociedade ou é só de elites?

-Hai síntomas de mudanza. Por exemplo, está estendido o termo de campo literario; ou a noción de sistema, ben incorporada á nosa crítica literaria actual. E hai conciencia de que a literatura galega non é só os textos, senón máis factores: recepción e consumo, editoras, institucións oficiais ou políticas de planificación.

ISAAC LOURIDO ex investigador da usc e profesor da universidade nova de lisboa

«Hai conciencia de que a literatura galega non é só os textos, senón máis factores»