Viaño destaca o «liderado académico da USC no ámbito da lusofonía»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

Onte inaugurouse  o terceiro Congreso Internacional de Lingüística Histórica, que se celebrará ata este xoves

28 jul 2015 . Actualizado a las 09:33 h.

O terceiro Congreso Internacional de Lingüística Histórica «sitúa á Universidade nunha posición de liderado académico no ámbito da lusofonía», sinalou o reitor da USC, Juan Viaño, na inauguración deste foro internacional, que se celebrará ata este xoves, 30 de xullo.

Na súa intervención, e logo de destacar a importancia dos estudos lingüísticos e filolóxicos na cátedra compostelá, «unha universidade que non é só humanística, senón que tamén é referente en varias áreas da lingüística e da filoloxía a nivel nacional e internacional», Viaño tamén tivo palabras de recoñecemento para Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, aos que se referiu como «pioneiros do desenvolvemento da lingüística galega e románica».

Este congreso apoia e reforza a importancia que a USC lle concede á internacionalización, especialmente dentro dos países de expresión portuguesa, «nos que Galicia pode e debe desempeñar unha función de ponte de comunicación entre dous mundos de dimensións oceánicas: o mundo de expresión española e o de mundo de expresión portuguesa», manifestou Viaño.

Tras a intervención do reitor, o académico e profesor do Departamento de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, ofreceu a conferencia inaugural do congreso, que se desenvolveu baixo o título A lingua no tempo, os tempos da lingua. Gramática diacrónica e historia social.

O programa do foro continuará na Facultade de Filoloxía, onde comezarán a desenvolverse en horario vespertino as sesións previstas. O acto académico de homenaxe aos fundadores do ILGA e catedráticos Ramón Lorenzo e Antón Santamarina capitalizará hoxe a atención da segunda xornada.