«Este congreso vai colocar ao galego no centro de interese»

l. martínez, p. c.

SANTIAGO CIUDAD

A terceira edición do encontro internacional de Lingüística Histórica reúne en Santiago a máis de 400 investigadores

28 jul 2015 . Actualizado a las 10:17 h.

Rosario Álvarez Blanco (Pontevedra, 1952) é profesora de Filoloxía Galega na USC e directora do Instituto da Lingua Galega (ILGA). Ademais, é das poucas mulleres que ocupan un cargo na Real Academia Galega. Implicada no estudo do idioma, a filóloga presentou onte o Congreso Internacional de Lingüística Histórica, no que exerce como presidenta do comité organizador. Máis de 400 investigadores nos distintos ámbitos da lingüística portuguesa e galega procedentes das tres universidades da comunidade, así como doutras institucións e centros de Portugal e Brasil, danse cita en Compostela nunha iniciativa pioneira que pon «no centro de interese» ao galego.

-¿Que ten de novo este congreso?

-É distinto porque se celebra en Galicia e, polo tanto, vaise colocar o galego no centro do interese. Este feito obriga a investigadores portugueses e brasileiros que realizan o seu traballo considerando só a súa lingua entren nun contacto máis estreito coa lingua galega e coa investigación sobre esta. Pero tamén a aqueles que cren que a necesidade das súas investigacións cara o futuro teñen en consideración que o galego lles poida achegar unha valiosa información.

-Hai unha relación moi estreita entre ambas linguas. Tanto que existen plataformas que avogan por unha maior unión.

-Esta unión existe por si soa, non fai falta que ninguén avogue por ela. Outra cousa distinta é que portugueses, brasileiros e galegos consideremos que eles falen portugués e non galego, ou que haxa persoas que en vez de mirar para a realidade de que as dúas comunidades de falantes consideran que falan linguas diferentes, propugnen que todo é o mesmo. Os lingüistas, non propugnamos esa idea. E non é cuestión de desexo, nin de plan político, senón que simplemente é que analizamos en profundidade a realidade da lingua e o que os falantes pensan desa realidade.

-Hai quen afirma que na lingua se fixeron moitos cambios.

-Nós coñecemos ben cal é a realidade actual do galego dunha punta a outra de Galicia. En cada un deses puntos, hai variantes de moitos tipos, non máis que noutra lingua, ao contrario, moitas menos. E logo está a lingua normativa, que escolle cuns certos criterios unhas zonas sobre outras, ao igual que se fai co español. Pero o que o castelán fixo de estandarización ao longo de 300 anos, o galego fíxoo en tres décadas, polo tanto os cambios poden ser máis visibles porque se produciron dentro da mesma xeración de falantes. Acusar ao galego de cambiar máis que outras linguas é negativo e inxusto.

Rosario álvarez preside o comité organizador da convención