«Hai decisións inadecuadas na rehabilitación de mosteiros»

O grupo Iacobus da USC presenta un volume sobre arte monacal en Galicia e outro sobre o barroco iberoamericano


Santiago / La Voz

O grupo Iacobus da USC vén de presentar os libros De nombres y obras e as actas do Congreso Barroco Iberoamericano: identidades culturales de un imperio, coordinados pola investigadora Carmen López Calderón.

-«De nombres y obras» fala de arte monacal.

-Son quince artigos dedicados á arte galega e, fundamentalmente, a beneditinos e cistercienses e tamén hai algo dos franciscanos. É un volume misceláneo que afonda en cuestións moi diversas, dende artigos sobre escultura e pintura e a arquitectura, ou artigos máis puntuais sobre escaleiras como as de San Martiño Pinario, ata a reconversión de antigos conventos ou mosteiros en instalacións hoteleiras, como o Hotel Monumento San Francisco ou o de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos.

-Fala da reconversión de mosteiros e conventos para uso turístico. ¿Gárdase a esencia do edificio?

-Si, normalmente si que se tenta gardar a esencia orixinal, pero tamén é certo que no caso de San Vicente do Pino tivo unha serie de intervencións polémicas e é precisamente unha das cuestións que aborda a investigadora sobre este caso concreto.

-¿Tense en conta a opinión dos expertos?

-A investigadora fai a súa tese sobre paradores de turismo que se fixeron en edificios históricos. O que formula é que moitas veces debera existir un equipo interdisciplinar no que tiña que haber historiadores da arte para poder valorar se as intervencións son adecuadas ou non. Ás veces, xa sexan cuestións políticas ou económicas, levan a adoptar determinadas decisións que non son as máis idóneas.

-Tamén presentaron as actas do simposio de barroco iberoamericano. ¿Hai diferenzas entre o barroco europeo e o latinoamericano?

-Moitas veces o que se analizan son as transferencias entre a arte europea e colonial. Non soamente a influencia que exercemos nós dende aquí á arte colonial, senón tamén a reciprocidade, cousas que viñeron de alá  para aquí, sobre todo en cuestións de culto. É paradigmático o caso de Santa Rosa de Lima ou da Virxe de Guadalupe, que aquí tamén tivo a súa influencia. Intentamos formular que é un tráfico de ida e volta. Tamén é moi interesante ver as asimilacións que se fixeron para adaptar as influencias á cultura local.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«Hai decisións inadecuadas na rehabilitación de mosteiros»