Entre a transparencia e a boa xestión

SANTIAGO CIUDAD

Os candidatos debateron diante dos xornalistas de La Voz e as cámaras de V Televisión nas instalacións do grupo en Santiago<span lang= es-es >. </span>
Os candidatos debateron diante dos xornalistas de La Voz e as cámaras de V Televisión nas instalacións do grupo en Santiago. Á. ballesteros< / span>

21 may 2015 . Actualizado a las 09:40 h.

Os candidatos á alcaldía de Santiago falaron, a proposta dos xornalistas de La Voz, sobre transparencia, participación cidadá e a xestión dos recursos municipais.

Transparencia e participación cidadá

Martiño Noriega (CA): «Hai que construír un relato de cidade de xeito compartido»

«A transparencia non é propaganda, Agustín, e un bo exemplo foi a presentación dunha actuación na estación sen ter un proxecto feito. A transparencia é dación de contas. Santiago ten un regulamento que hai que activar, como é o caso do Consello Escolar. Os políticos temos que regresar aos sitios e recibir tiróns de orellas dos veciños e construír un relato de xeito compartido».

Agustín Hernández (pp): «En transparencia non recibimos leccións de ninguén»

«Máis de 50 reunións veciñais en dez meses acreditan a nosa vontade. Temos un compromiso claro cos orzamentos participativos, activamos a comisión de queixas e incorporamos novas tecnoloxías para escoitar as opinións dos cidadáns, potenciando a información pública, poñendo na web todos os proxectos e potenciando o asociacionismo. O mesmo compromiso temos coa transparencia. O PP levou de xeito adiantado ao pleno a Lei de Transparencia. Neste asunto non recibimos leccións de ninguén».

Rubén Cela (BNG): «En 1999 impulsamos os Consellos de Participación»

«As institucións son como as persoas: forxar unha reputación leva toda unha vida, e pode perderse nunha fin de semana. É o que lle pasou a este Concello. É imprescindible recuperar a autoestima e a confianza dos veciños. Para iso é clave transparentar a institución con paredes de cristal. Colgar información na web non é transparencia, é fundamental que os cidadáns saiban onde van os seus impostos. Sobre a participación, parece que algún descobre a pólvora, cando xa en 1999 o BNG impulsaba os Consellos de Participación Cidadá que o PP deixou esmorecer. Por certo, creo que Teo non é ningún referente en canto a orzamentos participativos. E Agustín, era obrigatorio facer tres debates sobre o estado do municipio... e non fixestes ningún».

Francisco Reyes (PSOE): «Temos que recuperar a confianza dos cidadáns»

«Despois destes terribles catro anos do PP temos que recuperar a confianza dos cidadáns. Propoñemos unha ordenanza de transparencia, que exista información dos contratos e facturas, que o alcalde renda contas cada ano perante os barrios, que os plenos municipais se transmitan por Internet, imos aprobar un código ético e crearemos unha comisión do fraude independente. Os edís non aceptarán regalos, sexa cal sexa. E apostaremos pola consulta cidadá directa e as axendas públicas do alcalde e os concelleiros, ademais de que se debatan polo menos dúas mocións no pleno presentadas polos veciños».

J. Sánchez-Agustino (C's): «O alcalde incluso desobedeceu unha resolución xudicial»

«Se estes catro anos serviron para algo é para saber o que non hai que facer en materia de transparencia e participación cidadá. O alcalde do PP incluso desobedeceu unha resolución xudicial sobre a reposición do interventor e o secretario municipal, e un alcalde desobediente non é transparente. Normativa hai dabondo, o que queremos é que os orzamentos conten coa opinión previa de todos os veciños, e que non haxa negociacións solapadas cos afíns. Tamén hai que blindar aos funcionarios e reducir ao mínimo os asesores externos, que son un niño de conseguidores. Faremos unha oficina contra a fraude e loitaremos contra os desfases orzamentarios.

M. Noriega. «O PP gobernou con prácticas partidarias distinguindo entre os teus e os meus cando un goberno ten que ser dos máis para os máis».

A. Hernández. «Cústame entender as verbas equívocas do alcalde de Teo. Vou ser claro e transparente: cada un é dono das súas accións, e o Concello de Teo non publica os seus orzamentos dende o ano 2011. Non se publican contratos menores nin os plenos do 2015, ¿é ese o seu modelo de transparencia?

R. Cela. «A clave está na inspección, no control e na loita contra a corrupción. Santiago foi referente catro anos de malas prácticas e temos que poñernos á vangarda en Galicia da loita contra a corrupción. É o mínimo que lle debemos aos santiagueses».

F. Reyes. «Segundo o índice de transparencia internacional, no 2010 estabamos no posto 29, e gobernando o PP, no 97. Xa está todo dito».

J. Sánchez-Agustino. «Nestes catro anos houbo un biombo entre o Concello e a xente, o que impediu aos cidadáns saber o que se tramaba en Raxoi, e como consecuencia diso xudicializouse a vida municipal, polas malas prácticas administrativas».

Xestión económica

Agustín Hernández: «As liñas básicas económicas están en marcha»

«Cando falamos da xestión do Concello teño que recordar o punto de partida, 66 millóns de débeda e 8 millóns en facturas sen pagar... en maio do 2011 estabamos en quebra técnica. Fixemos un plan de axuste para levar ao Concello a unha situación solvente, que é o que hai agora. Rebaixamos a débeda en 20 millóns e estamos ao día no pago de provedores, todo iso rebaixando a carga fiscal. Temos dous mil parados menos que hai dous anos, e pasamos o mellor abril en moitos anos. As liñas básicas están en marcha».

Rubén Cela: «De cada 100 euros que tivo, o PP deixou sen executar 80»

«Se ese relato fora certo Hernández debería ser ministro de Economía. Eu vou referirme tan só ao grao de execución dos investimentos, que é dun 21,3 %. De cada cen euros dos que tivo o PP deixou sen executar 80, e non foi por aforrar, senón pola mala xestión. É dobremente irresponsable, porque ademais houbo un endebedamento a longo prazo en condicións pésimas».

Francisco Reyes: «Os dous concelleiros de Facenda do PP non van na lista»

«Sorprende escoitar este milagre económico do PP en Santiago cando os dous concelleiros de Facenda non van na súa lista, que curioso. Nós pensamos que hai que mellorar a recadación e a xestión orzamentaria, e pode que as concesionarias teñan beneficios excesivos. Hai achegas de Administracións que non se cobran, como tamén ocorre co IBI da Igrexa para as actividades lucrativas».

J. Sánchez-Agustino: «A débeda non aparece nun ano, hai corresponsabilidade»

«As cifras do Concello son impresionantes, pero en negativo. Neste caso, a corresponsabilidade dos aquí presentes é importante, porque a débeda non aparece dun ano para outro. Todos arrastran o pecado orixinal, pero algúns son capaces de empeorar as cousas, como ocorreu estes catro anos. No futuro hai que atender máis á eficiencia».

Martiño Noriega: «A xestión en Teo é un valor engadido para CA»

«O señor Hernández está obsesionado coa xestión do goberno de Teo, e nós pensamos que é un valor engadido para CA. Pero cada vez que el fala, sobe o pan. Vostede, na súa intervención, mentiu. O Concello ten a finais do 2014 46 millóns de débeda bancaria, e deles 16 millóns imputables ao goberno do PP. Se falamos do orzamento, o que se trata é de cumprir, ou polo menos hai que achegarse ao programado».

A. Hernández. «O que é curioso, señor Reyes, é que fale vostede de control das concesionarias cando os que privatizaron todo foron vostedes. E a execución do gasto no 2014 foi do 67 %».

R. Cela. «Esa é unha pequena gran trampa contable. O certo é que o PP tivo máis de 30 millóns a súa disposición e executou 6,7, esa é a realidade».

F. Reyes. «Que o voso gran éxito, Agustín, sexa pagar os salarios, a luz e a auga... por certo, o problema da execución orzamentaria xa vén da súa etapa na Xunta».

J. Sánchez-Agustino. «Se houbese transparencia no Concello de Santiago non existiría unha guerra de cifras sobre as contas».

M. Noriega. «Debater cando hai posicións tan distantes é complicado. Os datos están aí, penso que é un problema de alteración perceptiva de Hernández».

¿Que fará para reactivar o Real Padroado da Cidade?

F. Reyes. «Unha das primeiras cousas que farei é pedir unha audiencia ao rei de España para invitalo a Santiago e darlle a coñecer o proxecto 2015-2021».

J. Sánchez-Agustino. «O que non imos facer é o que fixo a número 25 do PP, María Xesús Sainz, que pediu a convocatoria da reunión no 2009 con Zapatero e despois, con Rajoy, esqueceuse de todo.

M. Noriega. «O Real Padroado perdeu o impacto na cidade da época de Estévez. Haberá que activalo, poñendo o Consorcio ao servizo da cidade».

A. Hernández. «Xa pedín a reunión ao rei o 25 de xullo, non sei que faría o que di que non vai asistir a ese tipo de actos. Trasladei tamén o mesmo ao presidente do Goberno e a idea é presentar un plan ata o 2021».

R. Cela. «Hai que reorientar o Consorcio. O obxectivo e revitalizar o casco histórico e para iso hai que focalizar as axudas en rehabilitación para que non vaian só aos bens da Igrexa».

¿Como vai atraer empresas á cidade?

J. Sánchez-Agustino. «Facendo unha oficina de captación con funcionarios formados ao efecto, como fórmula de implantación, abaratamento o solo e con flexibilidade fiscal para as empresas.

M. Noriega. «Compostela ten que ser un municipio facilitador. O Concello ten unha conta pendente coa Universidade, porque é fundamental fixar no tecido socioeconómico as iniciativas das spin-off da USC, que viven de costas a Compostela».

A. Hernández. «Baixaremos o prezo do solo industrial, rebaixaremos as cargas impositivas, como fixemos no 2015, e melloraremos os servizos nos ámbitos empresariais, como o tráfico ou a mobilidade. Seremos unha peza imprescindible para os emprendedores».

R. Cela. «Imos abaratar o solo industrial, iniciar os solos programados que están no caixón, rematar as comunicacións (orbital, Aradas e acceso ao Tambre) e facilitar o chave en man. Temos que mellorar a relación coa USC e os servizos complementarios como as escolas infantís ou o transporte público».

F. Reyes. «Abarataremos o solo un 70 %, con oito anos de carencia, aplicaremos beneficios fiscais, coparticiparemos con Uninova nas empresas da USC e impulsaremos naves en réxime de coworking. Temos que recuperar as funcións do Cersia».

¿Como se poden ampliar as pernoctas turísticas?

M. Noriega. «Entendendo que o aeroporto ten unha dimensión internacional e que o turismo é un sector estratéxico en Compostela que repercute directamente nun 30 % no PIB da cidade, polo que é básico facer unha defensa que non fixo nin o PP nin Agustín Hernández como conselleiro.

A. Hernández. «Potenciaremos os grandes eventos como o Womex 2016 e os congresos, e impulsaremos Área Santiago. Implantaremos novas tecnoloxías para informar mellor colaborando co sector na profesionalización e na difusión da cidade, e incrementando a vida cultural para que Santiago sexa un polo de atracción.

R. Cela. «A conectividade directa co aeroporto é básica. O turismo entra por Oporto e nen sequera pernocta en Santiago unha noite. Tamén hai que apostar pola desestacionalización con máis atractivos como os cursos de idiomas e da Universidade e feiras de gastronomía. E paréceme unha mágoa que Ames ou Teo non se inclúan na información turística. E potenciaremos a rede de museos, porque cando se fan ben as cousas, funcionan e teñen visitantes.

F. Reyes. «Imos pór en valor o patrimonio cultural da cidade, da Igrexa, da Universidade e de particulares, dándolle pulo ao ecoturismo e particularmente á rede de castros do noso rural, cun centro de interpretación no casco histórico. Faremos unha nova Incolsa coa participación do sector. E impulsaremos novos espazos para a nosa rede de museos, un sobre a historia do periodismo en Galicia e outro sobre a medicina».

J. Sánchez-Agustino. «Temos que ampliar a vida cultural a través de moitas vilas relacionadas co Camiño, como é o caso de Padrón, que é berce do Xacobeo. Iso xa supón un día máis de pernocta. A rede museística non é compacta nin está coordinada. E pode ofrecerse un Santiago como cidade de compras, ademais de recuperar marcas como a Catedral ou o Xacobeo que ignoraron as políticas turísticas da Xunta nos últimos tempos.

¿Como compatibilizar a música ao vivo e o descanso dos veciños?

A. Hernández. «Facilitando as melloras das infraestruturas dos locais, clarificando a normativa deses establecementos coa Xunta e ordenando a vida no casco histórico, que acumula anos de caos e ausencia de normativas, facendo cumprir os traballos de rehabilitación. E sobre todo, con labor de concienciación para que o casco histórico sexa de todos e para todos».

R. Cela. «A musica ao vivo non é ruído, é cultura e creatividade, é un valor engadido e son postos de traballo, polo que hai que compatibilizalo co dereito ao descanso. Iso pasa pola revisión da ordenanza municipal e da Lei de Espectáculos da Xunta, que está nun caixón. A insonorización das vivendas é un tema no que debe intervir o Consorcio a medio e longo prazo, e despois que haxa un control máis estrito cunha campaña de concienciación, porque o problema é o incivismo dalgunhas persoas».

F. Reyes. «A música en vivo, efectivamente, non é o problema. O que hai que facer é facilitar a insonorización dos locais e das vivendas a través do Consorcio, diferenciando o ruído nos locais co das rúas, e para iso o que hai que ter é policía local nas rúas e non nas oficinas».

J. Sánchez-Agustino. «Nin un minuto máis, nin un decibelio máis, ese e o noso lema cando se trata de compatibilizar o ocio e o descanso nocturno, e por suposto, o descanso está por riba do ocio. En todo caso, temos que implementar medidas de insonorización e de concienciación. Unha solución é a dobre porta, que resolve moitos problemas de ruído. Falta un traballo de axuste entre a realidade física dos locais e a súa realidade xurídica».

M. Noriega. «Unha cultura silenciada é unha cidade morta. A música ao vivo foi e ten que ser unha potencialidade da cidade. Para iso necesitamos un marco legal coa ordenanza local e co amparo autonómico para a actividade. E para iso necesitamos unha vía de diálogo».