Os candidatos reivindican o cemento sempre que sexa co foco nos cidadáns

SANTIAGO CIUDAD

Cinco alcaldables debaten en La Voz sobre as súas propostas para Compostela

21 may 2015 . Actualizado a las 09:44 h.

La Voz de Galicia xuntou na súa delegación en Santiago a cinco dos oito candidatos con posibilidades de obter representación na vindeira corporación municipal para debater sobre os principais eixos dos seus programas (servizos sociais; infraestruturas; transparencia e participación cidadá; e xestión dos recursos municipais) e para contestar cuestións concretas sobre a cidade. Os candidatos fixeron unha intervención por cada bloque temático e tiveron oportunidade de réplica.

Políticas sociais

Francisco reyes (PSOE): «Hai que darlle unha volta aos servizos sociais» 

«A política social ten que ser a prioridade do Concello e para iso hai que darlle unha volta a un sistema baseado nas necesidades e non nos recursos. Por iso firmamos o compromiso coa Rede Galega contra a Pobreza, asumindo a obriga de duplicar o gasto por habitante para chegar á media de Galicia. Se non acadamos ese obxectivo dimitirei no 2017 e marcharei para casa. No mandato temos que alcanzar os niveis de Lugo, Concello gobernado por un socialista».

J. Sánchez-agustino (C's): «Os danos están feitos, necesitamos medidas preventivas»

«Hai que reparar as consecuencias dos últimos anos, pero nós pensamos que é máis eficaz aplicar medidas de carácter preventivo, porque os danos xa están producidos. As persoas sufriron, por iso imos apoiar aos máis desfavorecidos cun tratamento fiscal que atenda as situacións de necesidade. Ofreceremos máis asesoramento para localizar as carencias e implantaremos a asistencia social de proximidade, para que a xente non teña que saír da súa contorna».

Martiño Noriega (CA): «Para moitas familias foron os peores catro anos»

«Cremos que en Santiago a corrupción non é o peor que aconteceu nos últimos anos, senón as súas consecuencias na xestión. Nós entendemos a política social como unha cuestión de dignidade e temos o compromiso de duplicar o gasto social. Faremos políticas transversais e daremos un enfoque prioritario ás cuestións de xénero e da pobreza infantil».

Agustín hernández (PP): «Fixemos unha revolución coa ordenanza Santiago Suma»

«Nestes anos avanzamos nos servizos sociais. Creamos o punto de primeira atención e achegáronse os servizos sociais aos veciños. Incrementouse a colaboración económica coas entidades sociais e fixemos unha revolución dos servizos coa ordenanza Santiago Suma, que por certo xa está en vigor. Somos o único concello de Galicia cunha renda de solidariedade para atender a persoas que pasan un momento de debilidade e triplicamos o orzamento do último goberno teoricamente de progreso».

Rubén Cela (BNG): «Unha obra pode agardar un ano, comer non»

«A prioridade absoluta son as persoas. Unha obra pode agardar un ano, pero a xente non pode esperar para comer ou comprar o material escolar. O Concello ten que estar cos que o pasan peor. Os colectivos sociais foron quen de evitar o crack, por iso temos que revisar a estrutura do departamento de Servizos Sociais e redefinir a política de vivenda. Co BNG, Santiago sería un concello libre de desafiuzamentos e de pobreza enerxética. Tamén revisaremos os prezos públicos para parados e pensionistas, aínda que pensamos que a mellor política social é a do emprego.

F. Reyes. «Quero aportar dous datos do último ano do goberno do PP: 92.000 euros en actividades de servizos sociais e 392.000 en propaganda».

M. Noriega. «Sorpréndeme a valoración de Hernández. Pode intentar botar cemento enriba da memoria da xente, pero xogar de xeito electoral coa dignidade é... Tampouco é honesto falar de ?revolución social? con medidas que aínda non tiveron impacto na cidadanía».

A. Hernández. «Nós non facemos manifestos, falamos de realidades e feitos. O alcalde de Teo ten que responder pola súa xestión no Concello, no que aplica unha ordenanza de servizos sociais do ano 2000 e descoñece o traballo en Raxoi porque as súas propostas xa as estamos a facer».

R. Cela. «O que ten que facer o Concello é cumprir e executar os orzamentos, porque iso xera moitos postos de traballo, atendendo as cuestións urxentes e as importantes».

Infraestructuras

Javier Sánchez-agustino: «Non pode ser alcalde quen vai contra intereses da cidade»

«Consideramos que ninguén pode ser candidato a alcalde de Santiago e ir contra os intereses da cidade, e aquí hai persoas que están en contra de infraestruturas fundamentais, como cando din que hai que ir coller voos a Alvedro. O mesmo coa estación intermodal, meteuse no caixón o proxecto de Herreros, facendo unha operación cosmética de 20 millóns».

Martiño Noriega: «Faltou seriedade nas obras de proximidade»

«O PP infravalora aos veciños. Nos barrios hai queixas por obras que non foron demandadas, como a de Carreira do Conde, onde mudaron o proxecto por falta de diálogo. Faltou seriedade nas obras de proximidade. Nós facemos unha aposta pola planificación para atender as demandas reais. Dentro das grandes actuacións, pensamos que hai que defender a intermodal como corazón dun plan de mobilidade e para conectar a área metropolitana e os barrios do sur».

Agustín Hernández: «Queremos facer infraestruturas pensando nas persoas»

«O futuro das grandes infraestruturas está en marcha polo traballo deste goberno. Hai un compromiso de 20 millóns de euros para a primeira fase da intermodal e está licitada a execución da estación de autobuses nese ámbito. Tamén apostamos por infraestruturas para a veciñanza como o aparcamento disuasorio de Pontepedriña ou a execución de melloras no tráfico e na mobilidade das persoas, en definitiva, facer infraestruturas pero sempre pensando nos veciños».

Rubén Cela: «Obxectivamente, estamos peor que hai catro anos»

«O mandato debe ser o das pequenas cousas, que ben feitas si provocarán un grande cambio na calidade de vida dos veciños. Nos barrios non preguntan polo desdobramento da AP-9, que é importante, preguntan polas fochancas ou o alumeado... Esa é a prioridade. Obxectivamente estamos moito peor que hai catro anos. Dito isto, haberá que rematar as grandes infraestruturas programadas, con dúas prioridades, a intermodal e a depuradora».

Francisco Reyes: «O mantemento é o mínimo que se pode pedir»

«A prioridade son as persoas, non o cemento, e o mantemento do que hai é o mínimo que se pode pedir. Nós apostamos polo proxecto de Herreros para a intermodal; os accesos da AP-9 aos polígonos; a estación de mercadorías de A Sionlla; a EDAR, que vai con catro anos de retraso; e un campus aeronáutico para a vella terminal. Lavacolla necesita licencias para lanzadeiras desde outras cidades e máis destinos internacionais».

J. Sánchez-Agustino. «Non podemos esquecer as cuestións domésticas. Ninguén pode presumir de arranxar fochancas en 72 horas cando tiña que ser algo automático».

M. Noriega. «Hernández presume de xestor, pero hai semanas falou da primeira fase da intermodal xunto ao presidente da Xunta sen ter proxecto: iso é vender fume».

A. Hernández. «Na estación intermodal apostamos por un proxecto con 20 millóns garantidos sen intereses urbanísticos nin comerciais. Lavacolla ten a mellor conexión coas cidades e triplicou os enlaces internacionais».

R. Cela. «En materia aeroportuaria non se pode facer peor. O resultado práctico é un claro gañador, Oporto, e un perdedor, o conxunto de Galicia».

F. Reyes. «Agustín, no tema do aeroporto, leccións, poucas. O propio Núñez Feijoo suspendeu a vosa xestión».