Trinta días de propostas pensadas non só para os nenos

SANTIAGO CIUDAD

Contacontos do CSIC a cargo de Luisa Martínez.
Contacontos do CSIC a cargo de Luisa Martínez. capotillo< / span>

O Salón do Libro chega ao seu ecuador con máis de quince mil visitantes

14 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A edición número dezaseis do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra arrancaba o pasado 27 de febreiro. A mascota, o lobo Orbil, e o seu equipo mostraban un traballo de meses que estará accesible durante trinta xornadas, ata o vindeiro 28 de marzo, cando pechará as súas portas no Pazo da Cultura como principal escenario. No ecuador do Salón do 2015, articulado baixo o lema Da ciencia á ficción, xa pasaron polo seus espazos máis de quince mil persoas. Nesta edición a organización agradece especialmente a colaboración brindada por dúas persoas, Luisa Martínez Lorenzo, responsable de Cultura Científica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, e de Jorge Mira Pérez, catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Pensado para descubrir o mundo da literatura infantil e xuvenil e as súas posibilidades a nenos e mozos, esta cita que organiza o Concello de Pontevedra resulta tamén atractiva para os adultos. A organización apunta que as exposicións son das propostas que están sendo mellor valoradas polo público. Entre esas mostras destaca a «boa acollida» que está tendo a de Rosana Largo Rodríguez sobre a ciencia nos contos clásicos. A Fundación Barrié aporta dúas exposicións, a de láminas Investigarte no Pazo, e Matexpo no vestíbulo do auditorio.

No caso dos contacontos, un dos que máis éxito tivo foi Entre planetas, de Raquel Queizás. Propón unha viaxe na que artista e público familiar percorren o universo, bricando de planeta a planeta pescudando misterios, historias fascinantes e novos amigos. No caso dos obradoiros, a oferta é ampla e diversa. Un dos que gustou foi o de robótica, impartido por Ceo Aberto. Trátase de aproximar aos participantes á construción de robots sinxelos de Lego e a súa posterior programación. Pensado para nenos de 8 anos, a actividade consiste en armar un robot, de xeito guiado e creativo, para despois programar accións básicas como avanzar, xirar ou retroceder, entre outras.

Outro obradoiro con tirón foi o de Ricardo Spencer, titulado Os efectos moi especiais. O obxectivo é descubrir como se fan os efectos especiais das películas, ademais de realizar trucos a través de técnicas e materiais sinxelos.

Para os alumnos dos centros que participan cos seus traballos na exposición hai, todos os días, cinco obradoiros e dous contacontos. Os contacontos corren a cargo de Pavís-Pavós e do CSIC, en concreto neste último caso, da voz de Luisa Martínez coa axuda de Andreu Blanco, que é quen manipula os monicreques.

Para os estudantes de infantil hai deseñadas actividades específicas os días 17, 18 e 19 de marzo. Entre elas destaca a estrea da obra Luppo, de Baobab Teatro. Será no auditorio do Pazo, ás 18.30 horas. Está pensado para nenos a partir de 3 anos e o prezo da entrada é de 3 euros. Luppo fala do que botamos en falta a un ser querido cando emprende a súa última viaxe e da sorte que tivemos de telo coñecido. O 25 de marzo están programadas actividades para os alumnos de secundaria dos institutos.

Esta fin de semana, concretamente mañá domingo, o Salón invita a desfrutar da música nun concerto para bebés. Trátase dunha actividade que xa encheu o auditorio do Pazo o ano pasado. Están programadas tres sesións, ás 11, ás 12.30 e ás 18 horas. Leva por título Berços de electrónica, a cargo de Paulo Lameiro. A súa proposta: saxofóns, clarinetes, un acordeón e un instrumento musical pouco común, un ordenador. O concerto está pensado para bebés de 0 a 3 anos acompañados das súas familias. O aforo previsto é de 70 bebés e 280 persoas por pase. As entradas están disponibles en servinova.com.

Na xornada do domingo tamén haberá diversos obradoiros en sesión de mañá e de tarde. Entre eles, o titulado Ciencia ou ficción, para maiores de 8 anos e que analiza a relación do cine que se inspira na literatura. A programación completa pódese consultar na web do Salón (www.salondolibro.org).

O concerto para bebés de Paulo Lameiro ofrece mañá domingo tres sesións