Luís García Soto reinterpreta a obra de Barthes e gaña o premio Ramón Piñeiro

Santiago / La Voz

SANTIAGO CIUDAD

20 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís García Soto, profesor de Filosofía da Universidade de Santiago, gañou o premio Ramón Piñeiro de ensaio co estudo Barthes filósofo. Este traballo supón «unha reinterpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. García Soto interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras do xenio francés, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo co lector/a», segundo o fallo, comunicado onte polo director xeral de Política Lingüística, Valentín García.

O xurado estivo integrado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Chachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, e acordou conceder o galardón por maioría.

García Soto é profesor titular de Filosofía Moral. En 1988 publicou Outramente Barthes, onde se ocupou do mesmo autor. Tamén gañou o premio Carvalho Calero de investigación no ano 2012 por O labirinto da saudade; e antes, no 2005, o Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, por Nova enciclopedia de bioética.