«O prioritario para min é poder usar produtos galegos e caseiros»

M. C.

SANTIAGO CIUDAD

Galipizza é a liña patentada de pizzas do grupo hostaleiro que dirixe José Manuel Vázquez

28 sep 2014 . Actualizado a las 13:01 h.

Galipizza é a liña patentada de pizzas do grupo hostaleiro que dirixe José Manuel Vázquez, natural de Chavín, parroquia viveirense onde sobrevive «O Avó», o gran eucalipto xigante e centenario.

-¿Cales son os produtos da súa carta que teñen máis éxito en calquera dos locais?

-As que máis éxito teñen son as galipizzas, e despois séguelle o Compostelano, que é hot-dog caseiro, e despois, en terceiro lugar estarían as hamburguesas de boi.

-¿Cales cre que son as chaves do seu éxito?

-A boa calidade do produto é fundamental. E despois hai que ter ideas novas, ir probando e consultando coa clientela. Finalmente, creo que temos un prezo asequible. Pero o prioritario para min é usar produtos galegos e caseiros, sempre de calidade.

-Ademais de pola comida, asociamos Galipizza a actos de carácter social, deportivo...

-Desde o principio sempre colaboramos coa cidadanía. Na Mariña temos colaboracións coas escolas deportivas de Viveiro e de Ribadeo, co Enduro Team e co equipo femenino do CD Burela FS, e agora tamén arroupamos a unha xove promesa de karts en Culleredo, vimos de asinar un convenio coa escola deportiva de Conxo, en Santiago. Galipizza estivo presente coas súas pizzas e burguers no Festival Arreaocabo de Celeiro, no Resurrection Fest de Viveiro, co que colaboramos desde os seus inicios... E tamén apadriñamos un jalpón no Festival de Cans e pensamos en volver á Sala Shoko, de Madrid, pero esta vez para intentar promocionar grupos musicais emerxentes galegos.