Hai un tesouro debaixo do mar

Antón parada / M. G. RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

monica ferreiros

Ribeira acolleu dúas charlas sobre a conservación dos fondos mariños

25 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

«Imaxínense que lles propoño tirar a muralla de Lugo para facer un aparcamento público ou a catedral de Santiago para facer apartamentos, pareceríalles unha barbaridade». Con esta reflexión do catedrático en zooloxía Victoriano Urgorri Carrasco comezaron unhas xornadas sobre conservación do fondo mariño que tiveron lugar no instituto Número Un e no centro Lustres Rivas de Ribeira. Desta forma o docente da USC equipararou o patrimonio histórico co inexplorado ecosistema situado a máis de 200 metros da superficie da auga.

As charlas, enmarcadas nunha serie de exposicións por vinte localidades das catro provincias galegas, iniciáronse alertando do perigo da primacía do ser humano fronte ao medio natural: «Somos nós os que fumigamos, pero en realidade somos unha praga», afirmou Urgorri sobre o rápido crecemento da poboación mundial. O profesor explicou que se sabe máis da superficie luar que das plataformas e cantís mariños, onde se estima que poden habitar 1.800.000 posibles tipos de especies. E moitas sen rexistrar.

A riqueza do fondo

Galicia posúe varias localizacións de especial interese: a montaña do Banco de Galicia, a Quiniela ou a Selva. Nestes puntos non existe vida vexetal, a fonte de alimento é a choiva orgánica: o plancto que morre e baixa ata as profundidades. O principal factor que fai proliferar a vida é o movemento das correntes. O poñente fixo fincapé na que ven do Mediterráneo e aflora en Fisterra aportando valiosos nutrientes.

A investigadora da Estación de Bioloxía Mariña da Graña Xela Cunha Veira explicou os dous efectos que se dan nos organismos que se adaptan a este medio. «Un dos efectos da adaptación é a miniaturización, que fai que os espécimes sexan iguais bioloxicamente pero de menor tamaño», dixo a oradora sinalando un polbo do tamaño dunha agulla. Tamén se dá o efecto contrario, o xigantismo, que se exemplificou cunha pulga de praia de 12 centímetros.

Victoriano Urgorri quixo destacar tres tipos de ambientes que posúen unha maior cantidade de vida: as chemineas hidrotermais, as fontes frías e os nódulos ferromagnésicos. As dúas primeiras aínda non se atoparon nos fondos galegos, pola contra si os corais de auga fría que habitan as fontes frías. «Os nódulos ferromagnésicos albergan fósiles de gran valor científico, algúns do mioceno de hai 25 millóns de anos», comentou o zoólogo.

«Igual que en terra hai parques nacionais, debería haber zonas excluídas da pesca e da extracción», manifestou Urgorri, adiantando que isto traería consigo beneficios para o sector, constituíndose como puntos de produción. Como conclusión ao coloquio, apuntouse á necesidade da presión individual e da cidadanía para conseguilo.