¿Son malas as ondas electromagnéticas?

SANTIAGO CIUDAD

22 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Son malas as ondas electromagnéticas? Vivimos baixo delas dende que nacemos: a luz do sol, sen ir máis lonxe, é o exemplo máis familiar de onda electromagnética e ademais sen elas non existiría a vida sobre a terra. Agora ben, se vostede se deitase diariamente na praia 10 horas ao sol sen protección, sufriría queimaduras. Se fose a un hospital e se puxese debaixo dun aparello de raios X moito tempo, as consecuencias serían graves. Estas ondas son un proceso natural (nós mesmos emitímolas), cuxos efectos sobre nós dependen da súa frecuencia.

No caso dos raios X a frecuencia é moi alta, pero isto non ocorre coas radiacións usadas en telefonía. Primeiro, a súa frecuencia está moi lonxe de poder ionizar calquera parte do noso corpo. Segundo, a intensidade coa que iluminan as zonas de circulación humana é moi pequena comparada coa que dita o sentido común e, sobre todo, pequena comparado co que ditan as estritas normas que regulan estas emisións.

Non creo que haxa que preocuparse polo alumeamento que recibamos das grandes antenas. Ese alumeamento será, seguro, menor e máis saudable que o que absorbemos ao falar polo noso móbil. Pénseo: ¿Que lle queima máis, unha cacharela de San Xoán a 10 metros ou un misto pegado á orella? Pois co teléfono pasa algo parecido: canto mellor cobertura teñamos, menos nos vai alumear o noso móbil a cabeza.

Jorge Mira Pérez é catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago.