Unha mente marabillosa

SANTIAGO CIUDAD

O matemático John Nash participou no programa ConCiencia

09 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A película Unha mente marabillosa foi a triunfadora dos Óscar do 2001: levou, entre outros, o de mellor película, mellor director e guión. Protagonizada por Russell Crowe (nominado a mellor actor, non gañou ese ano, aínda que levara o Óscar o ano anterior por Gladiator) narra a historia do matemático estadounidense John Forbes Nash.

Nash (nacido en 1928) foi brillante, e abordou problemas moi complexos de xeometría que o fixeron candidato á Medalla Fields de 1958 (a Medalla Fields é o análogo nas matemáticas dos Premio Nobel). Non resultou gañador e quedou bastante doído. Aos poucos meses, entrou nun psiquiátrico por esquizofrenia, e caeu en desgraza (non se sabe se o desgusto da medalla tivo que ver). En 1950 presentara a súa tese de doutoramento na Universidade de Princeton. Tiña 22 anos, e a súa tese... ¡tan só 26 páxinas! Nela resolvía un problema da chamada teoría de xogos que se acabaría convertendo nunha clave para a teoría económica, motivo polo cal lle foi concedido o Premio Nobel de Economía en 1994.

No ano 2007 convideino a Galicia, no marco do Programa ConCiencia. Tres semanas antes convidara ao xenial matemático Peter Lax, que aos 16 anos xa fora presentado a Einstein e participou no Proxecto Manhattan de deseño da primeira bomba atómica. Un día, ceando, díxome Lax: «Vas a estar con John Nash nuns días, e quero que lle digas unha cousa que hai 50 anos que sei e que nunca tiven a oportunidade de dicirlle en persoa: o meu director de tese formou parte do xurado da Medalla Fields de 1958 e loitou a morte por el, e a piques estivo de gañar, estivo moito máis cerca do que cre. Dillo, por favor, sei que para el será importante». Ás tres semanas, ceando exactamente no mesmo sitio con John Nash e a súa muller Alicia, preparei o momento e díxenllo. A historia xa se rumoreara nun polémico libro un pouco antes, pero que eu lla transmitise directamente da boca de Lax facíao distinto: Nash mirou para min, despois mirou para Alicia, mirou cara abaixo ao prato, pensativo, e seguiu comendo sen dicir nada.

en primeira persoa

O baiés Jorge Mira é catedrático de electromagnetismo na Universidade de Santiago. A conferencia central da visita de John Nash a Galicia pódese ver en tv.usc.es/serial/index/id/128