Anxo Rei Ballesteros reviviu pola palabra

Ramón Ares Noal
moncho ares RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

marcos creo

Foi homenaxeado na presentación do seu libro «Presenza dunha ausencia»

01 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Os creadores son inmortais porque as súas obras mantéñenos sempre vivos. Iso quedou de manifesto na presentación do volume Presenza dunha ausencia. Sobre Maurice Blanchot, libro que Anxo Rei Ballesteros deixou moi avanzado pero sen rematar cando finou hai cinco anos. Foron a súa viúva Chus e os seus amigos e admiradores da editorial Axóuxere de Rianxo os que reviviron ao autor de Boqueixón, que pasou os seus últimos vinte anos na Pobra, por medio das palabras do volume nun acto no que incluso puido escoitarse un fragmento de Loaida lido polo propio Ballesteros, gravación prestada pola súa dona.

Rei Ballesteros volveu do esquecemento institucional no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, na que Roberto Abuín, en representación de Axóuxere, explicou os avatares para publicar Presenza dunha ausencia, labor que para el foi especialmente emotiva porque tivo relación persoal co autor. Agradeceu o apoio que tivo da viúva e incluso da editorial Galaxia, ca que traballaba Ballesteros e que non puxo impedimentos para que Axóuxere se encargara da edición desta obra póstuma.

Xa antes do comezo da presentación, as palabras de Ballesteros invadiron o salón de actos do museo Valle-Inclán por medio dunha performance dirixida polo seu amigo, o artista Manuel Teira, na que, xunto a catro persoas, mesturaban pola sala a lectura de parágrafos do libro a viva voz, o que non deixou de sorprender os presentes.

Unha obra «poderosa»

O profesor da Universidade de Santiago e tamén autor, Arturo Casas, falou do papel de Anxo Rei na literatura. Explicou que non coñeceu ao escritor de Boqueixón en persoa, pero si a través das súas obras. Subliñou sobre o libro que está ben acabado, que está de extraordinaria actualidade e que xa ten un principio poderosísimo.

O alcalde de A Pobra, Isaac Maceiras Rivas, sinalou que era un orgullo para el e para o Concello que Anxo Rei Ballesteros vivira vinte anos na vila e comprometeuse a que o libro que vía a luz no acto pasase a formar parte da biblioteca municipal de inmediato, do mesmo xeito que as outras obras do autor de Dos anxos e dos mortos.

O remate foi especialmente emotivo cando se puxo a gravación da lectura dunha pasaxe de Loaira polo propio Rei Ballesteros, cuxa voz encheu de lembranzas o salón de actos, e cando a súa viúva leu unha parte do limiar que o irmán do autor, Paulo Rei Ballesteros, fixo para Presenza dunha ausencia e que non chegou a ver porque faleceu antes da publicación.