O Dicionario de pronuncia da lingua galega amplía a súa versión na Rede

A versión electrónica conta cunhas 68.000 formas gravadas, entre as que se contan nomes frecuentes, apelidos galegos e topónimos e hidrotopónimos

la voz

Os falantes de galego ou os estudantes foráneos desta lingua teñen no Dicionario de pronuncia da lingua galega unha referencia á hora de coñecer correctamente cal é a versión oral dunha palabra. Onte presentouse a versión ampliada e mellorada desta ferramenta desenvolta polo Instituto da Lingua Galega en colaboración coa Consellería de Cultura. Na versión electrónica (http://ilg.usc.es/pronuncia) incorporáronse as voces máis recentes do dicionario da Real Academia Galega, polo que agora conta cunhas 68.000 formas gravadas, entre as que se contan os mil nomes de persoas máis frecuentes, 1.500 apelidos galegos e os nomes de todas as comarcas, concellos e parroquias de Galicia, así como varios centos de nomes de ríos, montes e accidentes costeiros. Esta gravación foi posible grazas á colaboración da Radio Galega e as voces foron rexistradas pola xornalista Belén Regueira.

Segundo explicou onte o coordinador do equipo técnico do dicionario, o profesor e académico Xosé Luís Regueira, as gravacións tiveron en conta as pronunciacións dos que levan os apelidos ou, no caso de comarcas ou lugares, dos seus habitantes. A versión dixital do dicionario permite realizar procuras tanto por formas fonéticas como por cadeas de sons.

Prestixio e calidade

Na presentación da ampliación do dicionario participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen se referiu a esta ferramenta «como un referente no tocante á dimensión oral da lingua e, nomeadamente, a prol da mellora da calidade e do prestixio do idioma propio de Galicia nos ámbitos públicos».

O Dicionario naceu como unha obra de papel no ano 2010, nunha edición da Real Academia Galega no marco dun proxecto de colaboración entre o Instituto da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Un ano máis tarde, un convenio subscrito coa Consellería de Cultura e Educación permitiu a posta en marcha da versión electrónica, coa locución do léxico.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

O Dicionario de pronuncia da lingua galega amplía a súa versión na Rede