O legado de Borobó segue vivo

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MARCOS CREO

Unanimidade no carácter humanista e divertido do creador de «Anacos»

26 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Este mércores cúmprense dez anos do falecemento de Raimundo García Domínguez, Borobó, e a asociación cultural homónimo adiantou ao sábado a súa homenaxe, na que o catedrático da USC e escritor Claudio Rodríguez Fer, o poeta de Rianxo Xesús Santos e o amigo e coordinador do libro Homenaxe a Borobó, Xoán Guitián, falaron das súas respectivas relacións persoais co mestre de xornalistas nado en Pontecesures, pero moi vinculado a Boiro, onde pasaba os veráns e onde mercou unha casa en Trevonzos «para ver Rianxo», como sinala en Anacos de amor a Rianxo.

O acto estivo cargado de emotividade e afastado do pesar pola ausencia do creador de Anacos, porque o seu legado estaba presente na Casa de Cultura de Boiro:a súa obra, a súa familia, pero especialmente, os agradables recordos dos seus amigos. Todos coincidiron ao destacar o humanismo de Raimundo García, a ausencia de rancor pese a sufrir o rigor da ditadura, así como o seu carácter divertido.

Prehistoriador

Claudio Rodríguez dixo que Borobó cualificouno de «meu prehistoriador» polo traballo Prehistoria de Borobó que fixo para o libro homenaxe publicado no ano 2003. Explicou que Raimungo García conseguiu prodixios como «levar o día á noite», referíndose á capacidade que tivo para facer dun xornal como La Noche unha plataforma na que participaron os mellores escritores galegos; «levar o de arriba abaixo», porque introduciu Galicia en Madrid con detalles como a publicación da revista Chan.

Xesús Santos contou como coñeceu a Borobó cando ía a Rianxo a mocear, porque na vila veraneaba Carlota Paz, ca que acabaría casando e que estaba presente no acto celebrado o sábado. O poeta rianxeiro engadiu que a súa vila débelle ao mestre de xornalistas que se fixese a estrada de Rianxo a Isorna, que era un camiño de pedras; ou que se puxesen de acordo as Deputación da Coruña e Pontevedra para enlazar a ponte de Catoira, que estaba rematada pero carecía de enlaces. Santos abundou en anécdotas que non fixeron máis que agrandar a humanidade de Borobó.

Tamén Xoán Guitián aportou detalles que reforzaron o carácter alegre e sen rancor de Borobó: «se alguén non lle caía ben, pois ignorábao e punto». «El sabía que eu lle quería, incluso me declarou seu sobriño. Era extraordinario pasear con el. Ía a Carragueiros metía auga do mar na boca e dicía ?sabe a nécora?, ou a berberecho, ao que fose. Era un home bo de corazón, non tiña maldade ningunha».

O grupo de gaitas Arume interpretou un tema que compuxo para o homenaxeado, a presidenta da asociación Cultural Borobó entregou un ramo de flores á viúva, Carlota Paz, e avogou porque se lle dedique un Día das Letras Galegas a Raimundo García Domínguez. .

A asociación cultural avoga por dedicarlle un Día das Letras Galegas ao mestre