«Todos estamos feitos de Rosalía de Castro»

c. a.
Carballo / La Voz

najla Shami vive entre distintos mundos. Naceu en Santiago de Compostela, creceu entre Galicia e Kuwait e estudou en varios países. Esa mestura de culturas reflíctese na súa música, e dun xeito especial no seu primeiro traballo en solitario, Na lingua que eu falo, un libro-disco no que afonda na obra de Rosalía de Castro non só dende un punto de vista vocal, senón tamén coa súa propia poesía. Onte estivo en Cee e hoxe actúa na Praza dos Libros de Carballo.

-¿Que é Na lingua que eu falo?

-Na lingua que eu falo é un traballo temático sobre a obra en galego de Rosalía de Castro que publicamos o 31 de xullo con Galaxia, e no atopamos poemas de Rosalía, a sombra e a luz de Rosalía, poemas máis clásicos musicados dun xeito máis clásico, como pode ser Negra sombra, e temas con máis luz que quixen traer con novas sonoridades doutras partes do mundo, como pode ser Na lingua que eu falo, que dá nome no disco. No libro tamén hai textos do poeta Xurxo Nóvoa Martins e da xornalista Comba Campoy.

-¿Por que esa relación con Rosalía de Castro?

-Rosalía de Castro é parte da nosa historia. Todos nós estamos feitos de Rosalía de Castro. É unha poeta coa que sempre me identifiquei e coa que empecei a traballar no ano 2006, aínda que a proposta de facer o libro-disco foi de Víctor Freixanes, fíxoma despois dunha actuación que tiven na casa museo de Rosalía.

-¿Como inflúe a súa mestura cultural na súa música?

-E eu penso que caracteriza a miña música co decorrer dos anos é a mestura que vou facendo con distintas partes do mundo, non só música árabe, senón con sonoridades que veñen das músicas indíxenas doutras partes do mundo; iso achégoo a Galicia, a como vivo Galicia sendo unha mestiza eu tamén, e vounas incorporando aos poucos.

-¿Atreveríase a definir o seu estilo musical?

-É a pregunta do millón. Eu non me catalogo en ningún sitio. Buscas o teu son, a túa linguaxe, como calquera persoa busca no seu traballo como é ela, como é a súa creatividade, e que esa canle da creatividade estea aberta e se poida comunicar co mundo. Iso é o que busco.

-¿Con que expectativas vén hoxe a Carballo?

-Gozar moito e facer gozar. Que a xente coñeza a Rosalía de Castro e coñeza unha forma contemporánea de escoitar a ler a Rosalía de Castro, e tamén a gozar coa banda nova.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«Todos estamos feitos de Rosalía de Castro»