«Castelao ten un enorme atractivo no exterior»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Álvaro Ballesteros

Salienta o «valor simbólico» dun libro iniciado hai 13 anos, para celebrar a Capitalidade Cultural Europea na cidade

20 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Este verán chega ás librarías O crânio de Castelao, narrativa de ficción que pecha as celebracións da capitalidade cultural europea do ano 2000 na cidade. Ese acontecemento orixinou este libro, escrito conxuntamente por once escritores de cinco países e catro continentes: os galegos, Carlos Quiroga, Antón Lopo, Suso de Toro, Quico Cadaval, Xavier Queipo e Xurxo Souto; os portugueses Miguel Miranda e Possidónio Cachapa; con Luís Cardoso, de Timor; Germano Almeida, de Cabo Verde; e o brasileiro Bernardo Ajzenberg. Carlos Quiroga, docente da USC, coordina este volume multinacional.

-¿Como se concretou esta iniciativa tan singular?

-Os primeiros capítulos do libro foron escritos antes de comezar o encontro Galego no mundo. Latim em pó, co que finalizou a capitalidade europea da cultura na cidade. Aí participamos os once autores, e outros máis cos que se contaba.

-¿Que obxectivos tiña este proxecto?

-Entre outros, evidenciar o interese da perspectiva lusófona para o noso país. O libro ten un valor simbólico importante; e a edición, na editora Através, de Compostela, coincide agora coa feliz iniciativa lexislativa popular Valentín Paz Andrade, que tramita o Parlamento Galego. Outro obxectivo era promover máis o nome de Castelao, por iso a historia parte da desaparición do seu cranio do Panteón de Galegos Ilustres, de Bonaval, como narrativa policial.

-¿Funciona Castelao internacionalmente?

-Si, Castelao ten un enorme atractivo tamén no exterior: polo seu labor galeguista, polo seu traballo artístico e literario, mesmo pola súa letra.

-¿Por que demorou tantos anos a publicación?

-En parte por esperar por textos prometidos, por algún mesmo anos. A idea inicial era de 16 autores, con presenza feminina, que finalmente non houbo, aínda que algunha escritora traballou no proxecto.

CARLOS QUIROGA ESCRITOR E PROFESOR DA USC