Velocidade ao cadrado


Requírese unha forza moi grande para facer que un tren a case 200 km/h dea unha curva coma a da Grandeira. Ese requirimento de forza, que debe ser exercida pola vía sobre as rodas, ten ademais un comportamento traizoeiro: medra dun xeito proporcional ao cadrado da velocidade. Isto quere dicir que, se comparamos a situación do accidente coa que se tería producido indo aos regulamentarios 80 km/h, o resultado é que o tren sente un efecto centrífugo que o fai escaparse cunha forza 6 veces maior, aínda que a proporción de velocidades (200/80) só sexa de algo máis do dobre. O cadrado da velocidade tamén decide a enerxía que gaña ese tren: a 200 km/h levará 6 veces máis enerxía que indo a 80 km/h. Consecuencia: o choque será 6 veces máis grave. O espazo ao longo do cal se produce o choque é outra das claves. Un coche que se estrela contra un muro e se encarta 1 metro antes de deterse é dúas veces máis seguro que outro que só se encarta 0,5 metros.

O maquinista non resultou moi ferido porque o seu vagón se foi detendo paulatinamente, esvarando ao longo do tobogán de cemento que protexe a curva. Se o resto dos vagóns fixesen o mesmo, non habería tantos mortos. Decisivo o vagón co motor diésel, o primeiro en envorcar, arrastrando aos outros fóra dese tobogán salvador. O seu reparto de peso parece distinto ao do resto, seguramente cun centro de gravidade a máis altura. A maior altura, maior tendencia ao desequilibrio. A cousa ata puido empeorar dependendo de como fose o proceso de freado nos raís, de 192 a 153 km/h. Todas as rodas frearon igual? Houbo bloqueo dalgunha delas?

Jorge Mira é catedrático do departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos

Velocidade ao cadrado