O mundo ferroviario de Monforte visto desde dentro

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

A sociedade surxida en torno ao tren é obxecto dun estudo de antropoloxía

13 mar 2013 . Actualizado a las 12:19 h.

A casa consistorial de Monforte acollerá o venres -ás doce do mediodía- o acto de presentación do primeiro estudo de antropoloxía social que se leva a cabo sobre o mundo ferroviario local. O traballo, titulado Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril, foi realizado mediante un convenio entre a Universidade de Santiago e o Concello e pretende servir de base para investigacións máis amplas de carácter histórico ou sociolóxico que emprendan máis adiante outros especialistas.

A investigación consiste basicamente nunha serie de entrevistas a oito veciños de Monforte -tres deles son mulleres- que ou ben traballaron no ferrocarril ou ben pertenceron a familias de ferroviarios. A directora do proxecto, a profesora Nieves Herrero, sinala que o traballo se centrou exclusivamente na recollida do que se coñece como «historias de vida», unha técnica de antropoloxía social que utiliza os testemuños directos dos propios protagonistas para reconstruír a historia dunha sociedade determinada. «O que lle pedimos aos nosos informantes foi simplemente que nos contasen as súas vidas e iso permitiunos obter moita información sobre aspectos moi variados, como o réxime de traballo, a organización familiar, a sociabilidade, os costumes...», explica.

Todo este material foi recollido mediante varias series de entrevistas con cada unha das persoas seleccionadas, que proporcionaron abundante información sobre como era a vida cotiá no medio ferroviario monfortino entre os anos 1930 e 1980. «Centrámonos nese período porque é o que podían coñecer máis directamente os informantes, que son todos persoas maiores, e porque nesas datas marcan un pouco o auxe e a decadencia do ferrocarril en Monforte», apunta Herrero.

A profesora indica ademais que o traballo foi realizado cunha metodoloxía de tipo cualitativo, habitual en ciencias sociais, que se basea na recollida de datos non cuantitativos. «É dicir, non nos dedicamos a reunir cifras sobre o número de traballadores que tiña a estación, datos técnicos sobre infraestruturas e maquinaria, regulamentos legais e outros aspectos dese tipo, senón que recollemos testemuños persoais que nos axuden a entender como vivían a realidade diaria do mundo ferroviario os seus propios protagonistas», engade.

Investigación sen desenvolver

Esta información poderá ser utilizada posteriormente para desenvolver estudos máis amplos que utilicen tamén datos de tipo cuantitativo. «É unha investigación sen desenvolver -agrega Nieves Herrero-, porque o que fixemos foi precisamente recoller material en bruto para que o poidan utilizar outros investigadores que traballen cunha perspectiva máis ampla e manexen ao mesmo tempo outras fontes de información».

«O que lle pedimos aos informantes foi simplemente que nos contasen as súas vidas »

Nieves Herrero