Compostela reivindica a figura de Rosalía de Castro

J.?G. santiago / la voz < / span>

SANTIAGO CIUDAD

Diversas iniciativas rememoran a figura da escritora do Rexurdimento na data do aniversario do seu nacemento

24 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

?O 24 de febreiro e as datas próximas son considerados cada vez máis como Día de Rosalía, para lembrar a data en que naceu a autora de Cantares Gallegos, libro que chega aos 150 anos da súa edición príncipe. Compostela é cada vez máis centro de conmemoracións, con participación de persoas de idades moi dispares: desde escolares de 3 a 12 anos do Pío XII, que os últimos días apuraron a gravación dun vídeo onde recitaban un poema de Rosalía; a Sara Montero, unha muller de 82 anos que retornou da emigración e que na noitiña de onte recitaba tamén na libraría Couceiro.

Unhas 40 persoas participaron na tarde de onte no roteiro por espazos da cidade organizado pola asociación cultural O Galo. A profesora Mercedes Espiño ofreceu explicacións desde a praza de Vigo, nas proximidades de onde estaba a casa onde residiu a autora, á estatua que ten dedicada na Ferradura, o IES Rosalía, as rúas Senra, Entrecercas, Bautizados e do Vilar, o Hostal dos Reis Católicos (onde naceu Rosalía, cando era Hospital Real), a Conga, Mazarelos, e finalmente Santo Agostiño. Máis de dúas horas durou o percorrido, e entre os asistentes estaban Rubén Cela e Carme Diéguez, concelleiros en Santiago e en Teo. Cela reprobaba a ausencia de actividades organizadas polo Concello de Compostela, que outros anos si participou nestas celebracións.

Na libraría Couceiro organizou un acto a Asociación de Escritores en Lingua Galega: recitaron poemas Anxo Angueira, da Fundación Rosalía, e outras persoas. Igualmente na libraría Lila de Lilith-Ciranda houbo pola mañá recitado de poemas e outras propostas.

Roteiro virtual e congreso

O Consello da Cultura Galega ofrece na súa páxina web moitos recursos, entre eles un roteiro virtual pola comarca, con especial incidencia en Compostela, Padrón, Dodro, Ames e Vilagarcía de Arousa, alén de diferentes textos e datos valiosos sobre Rosalía, algúns inéditos ou pouco coñecidos.

O Consello da Cultura organiza tamén un congreso internacional, que se inaugura oficialmente o día 28 deste mes e prolonga as súas actividades até xullo, con sesións presenciais e virtuais.