Máis de douscentos traballos concorren á cuarta edición dos Premios Atlante de gravado

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

SANTIAGO CIUDAD

05 feb 2013 . Actualizado a las 22:07 h.

O Museo do Gravado de Artes será escenario este venres do fallo dunha nova edición, a cuarta xa, dos Premios Atlante, nos que participan artistas nacionais e internacionais. Nesta ocasión son máis de douscentos os traballos presentados a un certame que gaña en calidade e prestixio ano tras ano.

O nome do gañador darase a coñecer ás 13.30 horas nun acto que contará coa presenza do presidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz, e os membros do xurado encargados de seleccionar os mellores gravados dos 219 que concorren ao concurso. Segundo informaron fontes da entidade organizadora dos premios, os aspirantes a inscribir o seu nome no palmarés do certame ribeirense proceden de 23 países.

No que respecta ao xurado, está composto por especialistas no eido da cultura e a arte. Deste xeito, forman parte del José Manuel López Vázquez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Carmen Hermo, profesora e pintora; Juan Monterroso Montero, decano da facultade de Historia da USC; e os gravadores e pintores Alfonso Costa e Isabel Pintado.